100 números de información diaria en galego

Ana Gravata e Manuel Gago, subscritoras de 'Nós Diario'.
Nós Diario suma 100 números. Un cento de exemplares que non serían posíbeis sen os 3.000 subscritores e subscritoras do xornal. Agora, o noso reto pasa por sumar cen asinantes para outros cen números.

1 | Que lectura fixo -e fai- dos primeiros 100 exemplares de Nós Diario?
2 | Que lle pide aos próximos 100 números do xornal?

Ana Gravata, profesora de portugués (A Coruña):  "Aprecio a pluralidade e agradezo o semanario cultural"

1—A lectura é moi positiva. Recoñezo a herdarza do Sermos Galiza e agradezo especialmente, os sábados, a chegada do semanario cultural, que se converteu na miña lectura preferida. Hai novas voces escribindo, xente distinta e de varios ámbitos, polo que tamén aprezo esa pluralidade. Desfruto moito do anaquiño que o xornal lle dedica a diarios doutras latitudes e das histórias case audíbeis de Xurxo Souto.

2—Pídolles que continúen coas leccións de galego, que son moi útiles e, ao colectivo de traballadoras, que continúen co seu bo traballo.

Manuel Méndez Batán, xubilado (Narón): "O máis importante é que existe, porque significa que somos"

1—O máis importante para min é que existe. Eu o que lía antes non era un xornal galego, agora teño a posibilidade de atender as noticias de aquí. Que exista xa quere dicir que somos. E a nós, o que nos ofrece, é infomación concisa e precisa.

2—Boto en falta máis información, máis noticias, que son a base dun xornal. Iso é o que lle pido, que atenda con máis detalle á información da Galiza, que profundice en asuntos de interese e comprometidos co país. Neste sentido, creo que sobran opinións, sobre todo de persoas que xa o teñen todo dito e que deberían renovar.

Tareixa Navaza, xornalista (Brión): "Teño un medio de comunicación que me informa do meu"

1—Fago unha lectura interesante, importante e positiva. A través de Nós Diario estou recibindo información do que pasa no noso país, en Portugal e no mundo analizada desde nós mesmas e en todos os aspectos: o político, o social, o económico, o cultural... Ten seccións que me encantan, como a de Xurxo Souto, e grandes voces na opinión. Teño un medio de comunicación que me informa do meu.

2—Pido que sigan traballando con ilusión e con esforzo, nun momento tan precario para as profesionais do xornalismo. Que non perdan obxectivos, honestidade nin o bo facer, e que sigan pelexando por ternos ben informadas.

Lois Neto, sindicalista (Lugo): "Gustaríame que incorporase contidos para nenos e nenas"

1—Fago unha lectura moi positiva. Dunha banda, ante a necesidade de normalización lingüística dos medios de comunicación. Nós Diario permítenos dispoñer dun xornal en papel e en galego, o único que hai actualmente. Doutra, desde o punto de vista da liña editorial, cunha información crítica e alternativa a dos medios xeralistas.

2—Pídolles que sigan na mesma liña, apostando pola cultura e atendendo á problemática social, laboral e económica do país. Tamén me gustaría que incorporase algunha páxina con contidos dirixidos ás crianzas.

Patricia Varela, profesora (A Coruña): "É o xornal que sempre quixen ler, en galego e inclusivo"

1—É o xornal que sempre quixen ler.Para min, é un pracer poder acceder, na nosa lingua, a noticias que nos achegan o noso punto de vista como galegos e galegas. Un xornal que observa as cousas desde aquí e fai unha lectura do que sucede e de como nos afecta, sen necesidade de andar filtrando a información ou rebuscando para dar coas chaves que nos interesan. Que estea en galego e sexa inclusivo, son dous dos aspectos que máis valoro.

2—Se fose posíbel telo todos os días... Polo menos un día máis, porque, a verdade é que as súas xornadas que non sae, bótoo de menos.

Paulino Vázquez, xubilado (Vilasantar): "Quero ter a posibilidade de seguilo lendo por moito tempo"

1—Eu optei pola subscrición dixital e malia que non son un lector de diario, cando lle dedico tempo, descubro artigos e informacións nas que me gusta determe. Hai opinións moi valiasas. E gústanme, sobre todo, as novas que teñen que ver connosco, que falan da Galiza e explican, desde aquí, como nos van as cousas.

2—A día de hoxe estou satisfeito coas propostas que me achega o xornal. Non teño unha idea formada de algo distinto que lle poida pedir. E de momento, tampuco sinto o desexo de algo novo diferente, salvo o de poder seguilo lendo durante moito máis tempo. Iso si que sería bo.

Sés, música (Culleredo): "Debe seguir coidando como coida os contidos culturais"

1—Gostei moito, sobre todo das páxinas de cultura e do suplemento Sermos, da fin de semana. É o que máis me interesa dos xornais. O último, dedicado a Ricardo Carvalho Calero, prestoume moito. Recoñezo que non me sento a lelo a diario, pero cando me paro, desfruto de cada sección.

2—Penso que está ben así, mais, talvez, debera pensar en medrar, en sumar páxinas ou en aumentar o número de artigos. Creo que a cobertura cultural é moi boa, e debe seguir coidando como coida eses contidos. É unha gran oportunidade para dar a coñecer.

Alexandre Ínsua, programador (Vigo): "É un xornal fiábel, mais boto en falta que afonde nalgunhas novas"

1—Como lector estou bastante contento, e estouno tamén porque a casualidade quixo que neste tempo puidese cotexar que información me fai chegar Nós Diario fronte a outros medios. Isto permíteme afirmar, desde o punto de vista xornalístico, que estou ante un xornal fiábel que, en conxunto, ofrece unha visión panorámica da situación. A versión impresa sempre deixa unha lectura máis reflexiva e o encrucillado!

2—Fáltalle unha sección de deportes. Ás veces boto en falta que amplíe ou afonde nalgunhas informacións. E de cara ao futuro, gustaríame moito que dese o salto á radio ou ao podcast.

Manuel Gago, xornalista e escritor (Compostela): "O gran desafío de Nós Diario é lograr novos sectores sociais"

1—Fago unha lectura moi optimista porque, de súpeto, descubrín unha axenda distinta nos medios galegos, moi independente, diferente, na que volven ocupar espazo cuestións non só de política, tamén de economía e de sociedade.

2—Eu pediríalle maior ambición á hora de chegar a novos sectores sociais do país para facer deste xornal un proxecto compartido por capas máis amplas da sociedade galega, incorporando temáticas que lle preocupan a outros públicos. As e os lectores de base de Nós Diario conforman un colectivo sólido. O gran desafío é chegar, por exemplo, a persoas castelanfalantes.

Ana Barxa, arquitecta (A Coruña): "Entre todas debemos facer que chegue a máis xente e teña futuro"

1—A lectura é moi positiva, porque volvemos ter un xornal noso, en galego, no que podemos acceder ás noticias do país e a toda a información que nos interesa. E máis aló das novas, agradezo poder dispoñer dun suplemento cultural extenso como é o Sermos. Eu comparto a suscrición con meu pai e non fago unha lectura intensa a diario, mais este modelo permíteme acceder aos contidos que gosto.

2—Gustaríame que se convertese nalgo colectivo. Entre todas debemos facer que siga chegando a máis xente para que teña futuro.

Antón Laxe, educador social (Outeiro de Rei): "Ter novas da túa propia realidade na túa lingua é un agasallo"

1—Ter novas da túa propia realidade na túa lingua é un agasallo. Un presente enorme. E acceder a unha lectura do que nos atinxe, desde nós, é un plus para un lector de xornais afeito a non dispoñer desa perspectiva desde a súa propia contorna.

2—O que me gustaría é que este proxecto se consolidase. Que medrase tanto en número de subscritores como en presenza, de forma que chegue ser unha prensa habitual nas casas e nos bares. Ten moitos atractivos, co o Sermos, e debe coidalos. E creo que podería analizar e darlle continuidade a temas que desaparecen moi axiña.

 

Podes subscribirte a Nós Diario nesta ligazón. Tamén podes adquirilo nos quiosques e puntos de venda habituais e na nube.