'Nós Diario' arranca unha intensa campaña con motivo do seu número 1.000

Rocío Castro, Carme Vidal, Suso de Toro, X. Ramón Pousa e Roque Durán (Foto: Nós Diario).
O 11 de novembro 'Nós Diario' suma o seu número mil e, con este motivo, arrancamos hoxe unha campaña promocional para o necesario reforzo do medio de comunicación. O coleccionábel sobre os castelos e torres galegas coa que agasallamos as lectoras e lectores é só o primeiro paso, pois percorreremos a Galiza para desenvolver actos públicos e editaremos unha publicación especial.

Queda menos dun mes para que Nós Diario chegue ao número 1.000. Así, o sábado 11 de novembro, será o día en que o único diario en papel en galego edite o seu número 1.000. Con tal motivo, comezamos hoxe unha intensa campaña promocional que arrinca cun galano especial, pois, até o 28 de novembro, Nós Diario agasalla as lectoras e lectores coas entregas do coleccionábel 30 castelos e torres galegas para descubrir un reino.

Mais o programa de celebración do número 1.000 do diario en papel non fica aí, pois percorremos distintos puntos da Galiza para desenvolver actos públicos coa participación, entre outras persoas, do presidente do Consello de Administración e conselleiro delegado de Sermos Galiza. S.A., empresa editora do medio de comunicación, Xoán Costa, e da directora de Nós Diario, María Obelleiro.

A sexta feira, día 20, na Nave de Vidán

Costa e Obelleiro partillarán conversa e espazo a próxima sexta feira, 20 de outubro, no primeiro dos actos públicos, abertos a subscritoras e subscritores, colaboradoras e colaboradores, lectoras e lectores e a toda persoa interesada en Nós Diario. Así, e organizada pola histórica Agrupación Cultural O Galo, a primeira cita terá lugar a partir das 20 horas na Nave de Vidán (avenida Mestra Vitoria Míguez, nº44), en Compostela.

Sermos Galiza S.A. concibe estes encontros como unha caste de ponte con todas e todos vós. Actos que transcenden a unilateralidade e mesmo a bilateralidade para que poidades expor as vosas suxestións, expresar as vosas dúbidas e contribuírmos a construír, man a man, o futuro.

A seguinte parada nesta travesía dos mil números será na comarca de Fisterra, concretamente en Corcubión, o 28 de outubro para fechar os actos do mes na cidade da Coruña o día 30. En novembro, será a quenda de Monforte, Vigo, Ourense, Ferrol, Foz, Vilagarcía, O Carballiño e A Guarda, entre outras localidades. Así, para facilitar a asistencia de quen quixer, Nós Diario dará conta, tanto no formato en papel como no dixital, das datas, horas e lugares concretos destes encontros.

Publicación especial o 11 de novembro

Outra das bases sobre as que se asenta a campaña é a publicación especial que acompañará Nós Diario o propio 11 de novembro, cando edita o número mil. Como cada sábado, o diario chega ás casas, quiosques e á nube co semanario Sermos Galiza, e nesta ocasión tamén o fai cunha publicación especial composta de dez artigos de célebres colaboradoras e colaboradores que narrarán, de primeira man, algúns dos fitos máis singulares que se produciron desde xaneiro de 2020, cando nace Nós Diario, até o de agora.

Música, literatura, economía, historia, cinema, gastronomía, ciencia, intelixencia artificial, deportes... serán algúns dos temas tratados polas propias e propios protagonistas, de cuxos nomes daremos conta nos próximos días.

Revista de pasatempos 'A formiga no carreiro'

Ademais, o 11 de novembro, verá a luz o número 2 de A formiga no carreiro, a revista de pasatempos en galego da autoría de Xoán Costa e de Xerardo R. Roca que supuxo unha revelación cando saltou aos quioscos no mes de xullo, e coa que Nós Diario quere agradecer a fidelidade das persoas subscritoras. Desta vez, con aínda máis páxinas: 48.

Redes sociais

A campaña do número 1.000 gozará dun protagonismo especial nas redes sociais, que servirán para divulgar o apoio de rostros da sociedade e da cultura e do mundo empresarial e académico galego a Nós Diario.

Como reza a creatividade da autoría de Pepe Barro, un dos grafistas galegos máis destacados e que asinou o deseño tanto do diario en papel como do semanario, "Mil números editados, mil subscricións máis", o fin é chegar ao maior número de persoas posíbel para que o medio de comunicación siga a ser sustentábel economicamente nun contexto como o actual, coa suba dos custos de produción e coa política de exclusión á que a Xunta da Galiza segue a someter Nós Diario, tanto a respecto da liña de axudas á prensa diaria en papel, da que o medio é sistematicamente discriminado, como das grandes campañas de publicidade institucional, que tampouco teñen en conta o único diario en papel que se edita na lingua propia.