'Nós Diario' achega un completo curso en fascículos para iniciarse na horta na casa

As flores comestíbeis e as herbas medicinais terán gran presenza ao longo das diferentes leccións (Foto: Eva Cameán)
A partir do 1 de abril Nós Diario achega un novo coleccionábel: Mans á terra, formado por 17 fascículos pensados como un completo curso de horta na casa con nocións básicas para poder comezar a cultivar desde cero, e que poderá pór en práctica calquera persoa que o desexar, tanto se ten un terreo no exterior como se vive nun piso.

A satisfacción de cultivar, colleitar e mesmo de saborear produtos coidados e traballados coas propias mans non require de grandes extensións de terra nin de custosos materiais. 

Un pequeno terreo, unha terraza ou unhas macetas son máis que suficientes para iniciarse na agricultura ecolóxica co curso de horta na casa Mans á Terra, o novo coleccionábel que en abril acompañará Nós Diario, de terza a sexta feira. 

Ao longo de 17 leccións, este curso achegará as lectoras e lectores ás nocións básicas para poder comezar a cultivar a horta desde cero, cunha aproximación aos principios da agricultura ecolóxica, reparando na reutilización de materiais que habitualmente acaban no lixo así como na preparación de remedios naturais e caseiros para fortalecer e protexer a horta.

Cada fascículo achega unha unidade que, paso a paso, explica os diferentes traballos a desenvolver desde o inicio da horta, inclúe propostas de reutilización de materiais que cobran unha segunda vida, e contén receitas para aprender a preparar remedios naturais sinxelos e eficaces para coidar dos cultivos.

Todos os textos de Mans á terra son autoría de Eva Cameán (Carballo, 1994), voluntaria e monitora na escola ambiental da Asociación Senda Nova e unha das impulsoras da horta comunitaria Sementando no Espazo, en Carballo.

Paso a paso en 17 leccións

O primeiro número sairá á rúa o vindeiro 1 de abril e, a modo de lección inicial, fai un repaso polos utensilios necesarios para comezar a preparar a horta sen ter que realizar un gran desembolso económico, todo o contrario, tentarase aproveitar todo o que nos rodea. Repárase no primeiro: escoller o lugar onde cultivar, unha decisión que dependerá da morada de cadaquén. A seguinte unidade servirá como iniciación á compostaxe e á preparación de compost caseiro para reducir residuos e fortalecer os hortos. 

A importancia de cultivar desde a semente e saber cales son os cultivos máis sinxelos para iniciarse serán outros dos contidos dos primeiros fascículos, para alén de afondar na asociación de plantas e hortalizas correcta, desbotando falsas ideas que poden levar ao fracaso, como, nunca mellor dito, mesturar allos con cebolas. 

A cadaquén o que precisar. Esta afirmación de xustiza liga perfectamente co traballo da terra. De facto, un dos fascículos reparará nas necesidades de substrato, terra e de auga que cada tipo de cultivo require. 

Nas leccións intermedias atenderase a saúde da horta, as pragas máis comúns e explicarase como previlas e combatelas con aliados naturais. Sorprenderá averiguar como os pousos do café son, para alén dun magnífico fertilizante, un efectivo remedio para repeler algúns seres vivos que poden estragar os cultivos.

As flores comestíbeis protagonizarán unha lección completa, así como as plantas medicinais que se poden cultivar na casa. A estes fascículos seguirá unha nova unidade en que aprender como colleitar con corrección as herbas medicinas. As malas herbas na horta, verdades e mitos, e consellos para unha boa colleita serán outros dos temas centrais deste curso, así como coñecer as técnicas para conservar alimentos.

O novo coleccionábel chegará ao seu fin co remate de abril, cun último número de despedida en que se explicará como preparar o noso horto para a seguinte tempada.

Receitas

Cada un dos 17 fascículos inclúe distintos apartados, como o "eco-consello" do día, un refrán popular relacionado co cultivo e a vinculación do pobo galego coa terra e o medio ou a "receita". Neste último apartado ofrécense pautas para realizar preparados naturais na casa para a horta, tanto para quen plante en interior como en exterior. 

Ademais de airear a terra e de comprobar que o substrato que se empregue é o axeitado, débese tamén proporcionar fertilizante aos cultivos, polo que ao longo do curso afondarase sobre os tipos que hai e os que mellor se adaptan para cada lugar e para cada cultivo.

Reducir, reutilizar e reciclar, os tres 'R' para manter unha horta sustentábel 

O curso de horta Mans á terra achegará en cada fascículo un consello diferente para aproveitar ao máximo os materiais que a lectora e o lector teñan na casa, xa que nestas 17 leccións non se trata de crear un horto perfecto, fermoso, estético e "de revista", senón que se trata de que cadaquén se anime a probar a cultivar os seus propios alimentos na casa, investindo moi poucos cartos e reutilizando ao máximo materiais que se poidan atopar ao redor.

Unha pequena proposta é comezar a gardar envases de obxectos que se empreguen decotío, como iogures, botellas de auga, garrafas, tapóns ou os roliños do papel hixiénico.

En abril este curso descubrirá como comezar a dar a eses obxectos un novo uso e unha nova vida.

 

Este novo coleccionábel distribúese conxuntamente con Nós Diario durante 17 entregas, entre 1 e 30 de abril de 2021. Se aínda non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte canto antes! Non vaias perder a oportunidade de aprender paso a paso a levar a túa horta!