Noruega proxecta 30 km de liña de alta tensión no sueste galego

Imaxe de arquivo dun parque eólico (Foto: B. Bouzas).
Unha liña de alta tensión (LAT) de 220 kv e perto de 30 quilómetros de lonxitude que atravesará sete concellos de tres comarcas diferentes. Este é un dos proxectos para desenvolver na Galiza para o que presentou a súa solicitude a empresa Desarrollos Renovables Iberia Gamma SL, filial no Estado español de Statkraft, sociedade estatal norueguesa que é a maior produtora de enerxía renovábel en Europa e que quer construír tres parques eólicos na Galiza oriental. 

A liña de alta tensión (LAT) consta de tres tramos aéreos e un treito final soterrado. En total, 29,6 quilómetros de longo, desde a subestación de Prada á de Treboada (San Xoán de Río), atravesando sete concellos —A Veiga, O Barco de Valdeorras, Petín, Larouco, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Quiroga— de tres comarcas diferentes: Valdeorras, Trives e Quiroga.

Transportará 220.000 voltios. A finalidade desta LAT é dar saída á enerxía que se producirá nun dos tres parques eólicos que ten proxectada a empresa estatal norueguesa na Galiza, o de Prada, cuxo Estudo de Impacto Ambiental (EIA) e solicitude de autorización administrativa previa foi publicada de novo onte no Boletín Oficial do Estado (BOE) após caer o proxecto inicial en 2021 polo informe negativo da Xunta e as alegacións veciñais. O plan inicial situaba aeroxeradores fóra das áreas de desenvolvemento previstas no Plan Eólico da Galiza.

Diferentes impactos

Colectivos e asociacións advirten desde o coñecemento do proxecto sobre o impacto do mesmo, tamén das súas liñas de evacuación. Neste sentido, desde a asociación Petón do Lobo elaboraron un estudo no que citan algunhas das consecuencias sobre o territorio que ao seu entender vai ter esta liña. Así, fan referencia aos apoios ("máis de 100" pés) para sustentar a liña, que poden ter afectación sobre "os recursos hídricos", para alén de que se "prevé localizalos sobre explotacións forestais e madeireiras" ou de que axudan a "fragmentar os hábitats". Advertencia especial fan a que a liña de evacuación afecta o val do río Navea, unha área de especial interese paisaxístico que fai parte da Gran Área Paisaxística (GAP) "Serras Surorientais".

Menos muíños, máis potencia

A información que recolle o Boletín Oficial do Estado sobre o proxecto modificado indica que se eliminan sete dos 31 aeroxeradores previstos, co que o número de muíños reduciríase a 24. Unha redución, porén, que non implicaría unha mingua considerábel da potencia, pois os aeroxeradores a instalar serían dunha maior potencia que os previstos inicialmente: 7 MW fronte a 5,5. A potencia total do parque de Prada será de 168 MW. Statfraft prevé investir neste proxecto eólico 119 millóns de euros. Prada, canda Rebordechao e Barxas, conforma o trío de proxectos eólicos do Goberno noruegués a desenvolver na Galiza. 

Parque Campo das Rosas

O Parlamento rexeitou onte unha proposición non de lei presentada polo PSdeG na que se demandaba unha moratoria sobre o parque eólico de Campo das Rosas (Cerdedo-Cotobade) para poder ampliar a distancia mínima dos muíños que se levanten a un km dos núcleos de poboación. O BNG propuxo unha emenda de substitución pedindo que se denegase a autorización a ese parque, ao que se opuxo o PSdeG.