“Noruega levaba man de obra barata e Franco recibía as divisas”

Otero, Rama, Lores e Paz, en Noia

Os mariñeiros galegos emigrados en Noruega hai trinta anos volven a Oslo para un xuízo contra o Estado que lles nega as súas pensións. Deben esgotar a vía xudicial naquel país antes de recorrer ao Tribunal de Estrasburgo para denunciar a vulneración dos convenios europeos.

Manuel Rama tiña 24 anos cando embarcou nun mercante noruegués, o Luksefjell. Foi o 28 de xuño de 1961. Manuel topara cun veciño de Esteiro en Róterdam que lle falou do choio e despois de pasar pola casa embarcou para Le Havre. Nun hotel asinou o contrato como segundo mariñeiro cun axente da armadora. Pasou de gañar 1.030 pesetas como mariñeiro preferente a gañar unhas 6.000 ao cambio.

Manolo Otero tiña 16 anos cando colleu un tren en Compostela co pai. Tardaron tres días en chegar a Oslo. O pai, Olegario, botara cinco anos traballando nun petroleiro pequeno, o Vivi. “El era contramestre e entrei como terceira, como young man, gañando 3.000 pesetas. O pai distribuía o traballo e as gardas. Fomos de Glasgow a Panamá e desde alí a Nova Zelandia e logo Australia”. Na súa primeira travesía cruzou o mundo. “Tardamos 25 meses e tres días en volver á casa. Cando cheguei, a miña nai non me coñeceu. O meu pai xa quedou en Noia daquela”. Era 1964. Manolo seguiu até 1994.

O martes comezará o primeiro dos xuízos do caso que enfronta o Estado noruegués cuns centos de mariñeiros, a maioría galegos

Rama e Otero sentan de boa mañá nun café da alameda de Noia. En apenas unhas horas teñen que coller o avión de volta a Oslo. O martes comezará o primeiro dos xuízos do caso que enfronta o Estado noruegués cuns centos de mariñeiros, a maioría galegos, que reclaman o dereito a gozar dunha pensión daquel país e dos dereitos derivados.

“Non esperamos nada de Noruega, nin de España nin de ninguén, porque estamos sos nisto”, di Alberto Paz, noiés, vehemente portavoz da indignación dos mariñeiros, xesto grave e voz dura, o pulso firme desde hai anos fronte a uns dos grandes estados exemplo das virtudes cívicas da democracia escandinava. “Tanto preocuparse polas poboacións dos países subdesenvolvidos e mira o que fan con nós”, intervén un. “Non fagamos política. Neste caso trátase doutra cousa: isto é unha reclamación laboral, un problema do primeiro mundo, non do terceiro”, dirime Alberto.

Juan Lores ten 71 anos e é o presidente da plataforma Long Hope na que se organizaron unha parte dos máis de 12.000 mariñeiros do Estado español –uns 8.000 galegos– para defender o seu dereito a recibir a prestación por parte do Estado noruegués despois de pasarse anos pagando taxas e impostos naquel país que nunca lles permitiu contribuír á seguridade social norueguesa malia que traballaban para armadoras nacionais en barcos daquel país. Sucedeu entre principios dos anos cincuenta e principios dos noventa.

Carril: “Os mariñeiros estaban suxeitos á lexislación laboral norueguesa en todo o relativo a contratos, condicións… mais non podían cotizar"

O ano que mudou a lei

Un deles, Otero, chegara a poder cotizar uns meses cando cambiou a lei. A lei mudou en 1994. Ese ano Noruega asinou os acordos do espazo económico europeo e tivo que corrixir a súa normativa. Até entón, esixíase a residencia aos traballadores estranxeiros para cotizar á Seguridade Social. “Os mariñeiros estaban suxeitos á lexislación laboral norueguesa en todo o relativo a contratos, condicións… mais non podían cotizar. Produciuse unha discriminación que os deixou sen protección. Tampouco podían cotizar en España”, explica o profesor coruñés de Dereito do Traballo, Xosé Manuel Carril, que leva tempo asesorando os mariñeiros e estará con eles durante o xuízo en Noruega. No 2013 aproveitou as súas vacacións de docente para pasar tres meses en Oslo investigando. Topou unha fenda pola que furar na resistencia norueguesa. No caso dos mariñeiros, Noruega vulnerou o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, sostén, en canto a que se produciu “diferenza de trato discriminatoria por razón de nacionalidade, xa que aos noruegueses que traballaban nos mesmos barcos non se lles esixía tal requisito”. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos admite cuestións relativas á seguridade social.

Desde Long Hope xa falaron con todo aquel que había que falar. No 2014 empezaron por Joaquín Nieto, da Oficina da OIT en España, e seguiron polo embaixador noruegués, o secretario de Estado para a UE, o secretario de Estado de Traballo de Noruega, o embaixador da UE en Noruega, o defensor do pobo noruegués, a Confederación de Sindicatos daquel país, o secretario xeral da Unión de Mariñeiros Noruegueses, co embaixador de España en Oslo, de novo co secretario de España para a UE (tres veces máis), co Ministerio de Traballo español, con todos os grupos do Parlamento e do Senado, cos grupos parlamentares galegos, con UGT e con CC.OO. a nivel estatal, con diferentes partidos (incluído o PSOE) e foron quen de que seu caso se vise dúas veces na Comisións de Peticións do Parlamento Europeo. “Menos ao Vaticano e ás Nacións Unidas chegamos a todas partes, e foi o propio Durão Barroso quen nos confirmou que neste caso vía unha vulneración dos convenios europeos”, explica Paz.

“Nos anos cincuenta Noruega tiña unha enorme necesidade de mariñeiros para manter a súa flota mercante”, sinala Carril, “pero nin a España nin a Noruega lles interesou asinar convenio algún até que en 1963 acordaron un con efectos fiscais polo que os mariñeiros pasaron a tributar en Noruega”.

“Pagabamos unhas cantas taxas: a da Igrexa, a dos países en desenvolvemento, a do estado do benestar… pagabamos como calquera noruegués e tamén o 1% do salarios á Unión de Mariñeiros Noruegueses”

“Aos solteiros retíñanlles o 15% e aos casados, o 10%”, recordan os mariñeiros. “Pagabamos unhas cantas taxas: a da Igrexa, a dos países en desenvolvemento, a do estado do benestar… pagabamos como calquera noruegués e tamén o 1% do salarios á Unión de Mariñeiros Noruegueses”. “Si, o sindicato tamén mirou para outro lado”, di Paz, “sabían o que estaba pasando, pero no ano 70 cando o Parlamento fixo unha consulta a once organismos, entre eles este sindicato e a confederación de sindicatos, sobre un convenio de colaboración, os dos sindicatos opuxéronse”.

Alberto Paz tamén pasou un tempo investigando en bibliotecas e arquivos noruegueses. Ten un relato de luces e sombras sobre o que foi a presenza dos mariñeiros españois en Noruega naqueles anos. Di que moitos non quixeron aprender o idioma, que non se esforzaron por integrarse, que fixeron moitas falcatruadas abordo e nos portos e que pagaron todo aquilo porque non foron quen de organizarse. “Chegou un momento en que lle pedín ao armador que non me metera en barcos con outros españois. Eu formeime cos noruegueses, coñezo o seu carácter e comprendo certas actitudes”. “Iso non quita”, anota inmediatamente, “para que entenda ben o que pasou”. E explica: “Noruega mascounos pero non nos tragou; abusaron de nós, discrimináronos. Fixérono con cada un daqueles trinta ou corenta mil mariñeiros estranxeiros. Fomos as rodas de arrastre da mariña mercante norueguesa. Pero a diferenza de franceses ou italianos, que tiñan un Estado que os apoiaba, Franco abandonounos. Nós nunca fomos pedir traballo aos noruegueses, viñeron eles, os armadores. E a España pareceulle ben: Noruega levaba man de obra barata e Franco recibía divisas”.

O Fogar dos Mariñeiros

Juan Lores marchou con tres amigos en tren até Róterdam a principios de 1971. Despois colleron un voo a Oslo. Embarcou no Tanendfiord, un mercante. “Pequeno. 3.500 toneladas. Eramos once tripulantes. Ían dous irmáns de Cangas que me axudaron moito. Eu marchei un pouco por despeito, porque tiña un contrato para entrar nunha navieira en Barcelona e ao final había alguén mellor recomendado. Entón a moza faloume dunha tía dela que traballaba no Fogar dos Mariñeiros españois en Oslo. E alá fun. O mercante cambiou de dono aos nove meses e volvín tres meses para a casa. Chamáronme de volta a través do Antonio, do Fogar do Mariñeiro, que era un de Carnota. Un dos de Cangas díxolle ao capitán que eu tiña coñecementos de maquinista e convertinme no substituto do segundo asistente que se xubilaba”. Lores traballou despois, uns once anos, en gaseiros dunha armadora de Rosenborg que cubrían o servizo entre Tarragona e Holanda. “En Noruega non me fixeron contrato porque non pasara a proba do idioma. Pero marchei para Holanda e alí si”. Estivo até principios dos oitenta. E despois, entre a casa e Miami, seguiu outros dez anos no mar. En 1992, a NSL, unha empresa de cruceiros polo Caribe, deulle a baixa por unha enfermidade.

O Fogar dos Mariñeiros naceu dunha esmorga

O Fogar dos Mariñeiros naceu dunha esmorga. En Oslo, algún día de 1967, un grupo de mariñeiros españois xunto a mozas e mozos noruegueses empezaron unha troula que rematou cos patos do xardín do Rei asados nun túnel do ferrocarril. Roubáronos no palacio e asáronos. A policía recibiu a orde do Rei de prender a todos os mariñeiros españois na capital, en dous días non quedou ningún solto, e o goberno acordou co réxime franquista a creación do Fogar para manter a orde e as boas costumes.    

“Non esperamos nada de Noruega”, insiste Paz. “Pero temos que esgotar a vía xudicial norueguesa antes de recorrer a Estrasburgo”. Levaran gastados uns mil euros por cabeza entre viaxes e minutas, os avogados noruegueses non son baratos, “entre 250 e 300 euros por hora”. A batalla legal “levará inda tres ou catro anos máis”, di Xosé Manuel Carril, que no 2015 publicou un ensaio (Unha cuestión de Dereitos Humanos. A protección de seguridade social dos nosos traballadores do mar emigrantes en Noruega) no que reflicte a desprotección daqueles traballadores aos que o sistema público español tampouco lles tivo en conta o tempo de embarque naqueles buques, e como o Estado español após o franquismo eludiu o problema.

“Non esperamos nada de Noruega”, insiste Paz

A principios dos oitenta, os armadores noruegueses boicoteaban calquera convenio mentres as autoridades daquel país e os sindicatos empezaban a poñer trabas a entrada de españois. Algúns aproveitaron os cambios de bandeira, moitos empezaron a regresar.

O regreso

Manuel Rama botara tres anos sen vir á casa. Foi mariñeiro, carpinteiro, contramestre. Traballou dezaseis anos para Olsen & Ugelstad, que deu en quebra a finais dos setenta. Despois navegou en cargueiros, petroleiros e químicos dez anos máis para outra compañía. “Unha vez, nun porto de Estados Unidos, nun deses gaseiros, asomámonos para ver o tanque. Cando chegamos a Róterdam non nos deixaron saír a cuberta, dixeron que respiraramos aquilo e que podiamos contaminar á xente”. Manuel volveu a Esteiro en 1986, tras 25 anos navegando. “Fun dos últimos dos despedidos cando empezaron os cambios de bandeira, deixamos de serlles útiles aos noruegueses, había outras tripulacións…”.

“Houbo un estudo en 1978 ou 79”, non precisan a data estes homes fortes e delgados, que serían quen de embarcar mañá en calquera barco, ou nun tren se for preciso, pero usarán o avión para volver a Oslo a defenderse, xa homes maiores, cultivados dabondo e informados, “no que o Banco de Bilbao estimara que as divisas da emigración naqueles anos reportaban a España uns 30.000 millóns de pesetas. E que ten feito España polos seus emigrantes?”.

No 85, o barco de Manuel Otero mudou a bandeira norueguesa pola chipriota. Era o Barbara, 101.000 toneladas, que levaba petróleo, millo ou calquera mineral por todo o mundo. “Viñeron os polacos, quedamos só dous españois”. Otero estivo despois traballando para compañías norueguesas en Estados Unidos, nunha barcaza no mar do Norte que botou a liña submarina até Francia, e rematou no Lorenz, no 94. “Fixera algún traballiño tamén en terra e por iso me deu para cotizar, entón si, algo para a pensión”.

Paz: "Saín para ver mundo, non por necesidade. Se for hoxe non marchaba"

“Saín para ver mundo”

Alberto Paz estivo un par de meses traballando nun mercante con base en Bilbao para prepararse antes de viaxar a Noruega. “O máis lonxe que íamos era a Baiona para cargar millo”. Alberto tiña dezasete anos, rematara o bacharelato e sabía o que se ía atopar alá. O pai estivera fóra (en Inglaterra) e daquela un irmán del tamén andaba por Noruega. “Saín para ver mundo, non por necesidade. Se for hoxe non marchaba”. Era xullo 1971 e foi contratado en Amberes para embarcarse no Utvik, un cargueiro de Bergen de 14.000 toneladas. Entrou como terceiro mariñeiro. Viaxou de Europa até o Canadá e o norte dos Estados Unidos. Viaxou levando ferralla de Rusia a Italia. Carbón polaco para Holanda. Fosfato a Túnez. Trouxo millo da Arxentina. A primeira viaxe estivo 14 meses sen regresar a Noia. “Había oito nacionalidades no buque e só outro español”. Traballou para armadores noruegueses 15 anos. “No 86 entendín que daquel pozo xa non ía sacar máis auga e fun para Dinamarca”. Aprendera noruegués e inglés. “O idioma era imprescindible. Houbo quen pensou que todo consistía en picar, pintar e limpar. Pero eu movín grúas de 80 toneladas e había que estar coordinado cos demais polos walkie-talkies. Había perigo, había que adaptarse, integrarse, colaborar… pero a maioría faltoulles conciencia. Somos así. E inda hoxe é parecido”.

“Só poden esperar a que morramos porque xa temos unha idade… pero mentres non pararemos, como nos versos de Xosé Iglesias que Carril incluíu no seu libro: Ninguén manda en nós/ mais que o vento!"

“O avogado noruegués, porque é preciso que sexa de alí, estivo en Noia”, conta Juan Lores, “e entre xullo e decembro do ano pasado enviamos cincocentas cartas a posibles interesados. Contestaron 226, e a demanda asinámola uns 210”. “Imos nós sos, como sempre”, intervén Rama. “Só poden esperar a que morramos porque xa temos unha idade… pero mentres non pararemos, como nos versos de Xosé Iglesias que Carril incluíu no seu libro: Ninguén manda en nós/ mais que o vento!”, resume Alberto Paz.

“Quixera dicir algo máis”, descúlpase Manuel Otero, “eu tampouco, eu se for hoxe non ía”. “Nin eu”, di Lores. Rama encolle os ombreiros.