Verónica Torrijos, Cousa de Raíces e 'Deseucaliptización simultánea'

“Non todo o que vemos no monte é bosque. Un eucaliptal non é bosque, é unha plantación forestal”

A chamada á ‘deseucaliptización simultánea’ en Galiza logrou xa o apoio de máis dunha vintena de colectivos. A iniciativa de Cousa de Raíces procura concienciar e actuar sobre un dos principais problemas do monte galego, a perda de biodiversidade e a estensión de especies invasoras como o eucalipto ou a acacia. Conversamos sobre a acción con Verónica Torrijos, de "Cousa de Raíces".

 

“21 de marzo, deseucaliptización simultánea”. Como naceu esta convocatoria?

Cousa de Raíces é unha rede que integra ducias de colectivos e entidades diversas unidas por un compromiso ou obxectivo común, a defensa do bosque autóctono. Dentro desa rede empezamos a preguntarnos por que se existe unha convocatoria de limpeza simultánea de rios, co gallo do Día Internacional dos Ríos; ou de praias, con motivo do Día Internacional dos Océanos; non a hai sen embargo dos bosques no Día Internacional dos Bosques.  Pensamos que sería boa cousa implicar xente para limpar o lixo que temos no monte. Así naceu a idea, que se trasladou á rede e decidimos facer unha deseucalptización, limpar o monte das invasores que temos, que non é só eucalipto, tamén están outras especies como as acacias.

 

“ Non abonda con deseucaliptizar: que onde hai eucalipto haxa bosque autóctono implica traballo e un periodo de tempo de máis de 30 anos”

 

Cousa de Raíces incide, con esta campaña, na importancia de distinguir bosque do que non o é

É que non todo o que vemos no monte é bosque. Un eucaliptal non é bosque, é unha plantación forestal, unha plantación ademais dunha exótica invasora, procedente de Australia, de folla perenne. O bosque autóctono galego é de folla caduca: na Galiza podemos distinguir as catro estacións mirando as nosas árbores. E iso non pasa co eucalipto, aí non se distinguen as estacións, só hai que facer unha ruta pola costa das Rías Baixas e mirando as árbores que hai non distingues en que estación estás (ri).

 

Nun eucaliptal a biodiversidade de seres vivos nun supera as 10 especies

 

Deseucaliptización’ foi elixida en 2018 Palabra do Ano. Hai cada vez máis concienciación na xente a este respecto?

Creo que cada vez hai máis concienciación, tamén en boa parte por mor da problemática dos incendios, pois o eucalipto é unha especie pirófita. É moi importante chegar á poboación, que as persoas sexan conscientes de que unha vez que o eucalipto se instala, deseucaliptizar non é unha tarefa nin doada nin sinxela. Por iso é importante atallar o eucalipto antes de que avance.

Hai estudios e informes abondo sobre os efectos e consecuencias do eucalipto. Sobre o solo, sobre o consumo de auga, o lume... Non serve con talar, hai que traballar. Que onde había eucalipto haxa, con traballo e labor, un bosque autóctono implica un periodo de tempo de máis de 30 anos, é o que tarda en repoñerse.

Despois está biodiversidade. Nun eucaliptal a biodiversidade de seres vivos nun supera as 10 especies mentres que nun bosque autóctono esa cantidade é moita, moitísima maior.

 

Falar de eucalipto na Galiza é falar de Ence

Ence é a principal entidade responsábel da eucaliptización de Galiza. A pasteira inviste moito en publicidade, céntrase en que a súa mensaxe chegue á xente, esa idea de que preservan o monte, de que son fonte de riqueza para o país...