Xuízo do Alvia

"Na casa non teño espellos, non podo telos". Continúan as declaracións das sobreviventes ao Alvia

Entrada aos xulgados nos que decorre o xuíxo do Alvia na Cidade da Cultura en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Unha sobrevivente declarou esta quinta feira que, como outros, desde entón non volveu a montar en ferrocarril, un medio de transporte no cal lle "encantaba viaxar" e que era o que lle daba "máis seguridade".

As secuelas físicas e psicolóxicas que sofren, 10 anos despois, as persoas viaxeiras do tren Alvia que descarrilou na curva de Angrois protagonizan por terceiro día consecutivo o xuízo polo accidente, que se desenvolve desde outubro na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, desde esta semana centrado na reclamación civil por danos e prexuízos.

Unha sobrevivente declarou esta quinta feira que, como outros, desde entón non volveu a montar en ferrocarril, un medio de transporte no cal lle "encantaba viaxar" e que era o que lle daba "máis seguridade".

Polas secuelas que sofre, quitou os espellos da súa casa. "Non podo ter espellos porque me supón lembrar o accidente todos os días da miña vida", relatou.

Como outras testemuñas que compareceron desde esta terza feira, esta vítima da traxedia referiuse ao "silencio de morte absoluta" entre os vagóns. Tamén aos berros de auxilio e en concreto a un "cada vez máis tenue até que se apagou".

Do mesmo modo, e ante as preguntas do seu avogado, rememorou a "eternidade" de tempo que tivo a impresión de estar atrapada nun primeiro momento.

"Para min foi como unha vida", advertiu, en semellanza ao relatado por outras testemuñas. "Estábaseme indo a vida, estaba a morrer", dixo entre saloucos.

Ademais, ás cuestións do letrado que a representa, apuntou que recibiu tratamento durante meses e que o retomou "por mor de que saíse todo" nos medios de comunicación.

"Non pensar"

"Facía a miña vida normal. Tentando non pensar [...] Entendo que estas cousas hai que solucionalas internamente. Forma parte da miña forma de ser [...] Había que ir para adiante, é a miña forma de entender a vida".

Desta forma pronunciouse ao comezo da sesión outra das vítimas que desde esta terza declaran en calidade de testemuñas para reclamar danos e prexuízos polos feitos, dos que están acusados, na parte penal, o maquinista e o ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte.

Este home, que non sufriu feridas de gravidade e de feito axudou a auxiliar a varios viaxeiros, afirmou que non pediu a baixa médica despois do sinistro ferroviario e tentou seguir a súa vida "normal".

Con todo, durante a súa comparecencia, que iniciou tranquilo, rompeu a chorar en numerosas ocasións para acabar confesando que "isto" o superou", a pesar de tratar con falecidos durante a súa anterior vida profesional.

O escenario da curva de Angrois, onde morreron 80 persoas e 140 resultaron feridas, non tiña "nada que ver", segundo subliñou.

Aquel día, o 24 de xullo de 2013, este cidadán montouse no tren xa que estaba a facer o Camiño de Santiago. Viaxaba con Cristóbal González, quen despois do descarrilamento converteuse en presidente da asociación de prexudicados que desde un primeiro momento posicionouse para pedir as indemnizacións polo sucedido.

"Aquí non hai ninguén curado. Outra cousa distinta é que queiramos seguir para adiante. Pero cada vez que lembro isto, que cada vez é máis tempo... Non estou curado ", expuxo, antes as preguntas do avogado que representa a aseguradora de Adif.

A fase que iniciou esta semana o proceso xudicial pola traxedia de Angrois é a relativa á responsabilidade civil, que se dirixe contra as aseguradoras de Renfe (QBE) e Adif (Allianz).