“Non se pode presumir de lexislatura do rural e fechar unitarias”

A Xunta anunciou que para o vindeiro curso suprime 6 escolas unitarias e 67 unidades educativas. Dúas desas unitarias están en Carnota: Portocubelo e Viso. Os dous fillos de Iván Franco, veciño de Lira, estudaron na de Portocubelo: “Para o rural, cada vez menos servizos”, lamenta, en conversa con Sermos Galiza.

O curso 2019/2020 arrancará na Galiza con 6 escolas unitarias fechadas e 67 unidades de infantil, primaria e educación especial menos, tal e como informou a Xunta. Seis unitarias que fechan por non acadar un mínimo de 6 matrículas. Dúas delas, Portocubelo e Viso, están no concello de Carnota, na Costa da Morte. Na escola de Portocubelo, no porto de Lira, estudaron os fillos de Iván Franco, a máis nova no curso pasado, 2017/18. “Levábase tempo falando de que isto podía pasar porque o número de matrículas necesarias estaba na corda bamba”, aponta, en conversa con este medio.

Franco lamenta a diferenza entre o discurso oficial e a realidade: “Os feitos non se corresponden coas palabras”, critica, indicando que a Xunta “non pode presumir de lexislatura do rural e despois fechar escolas no rural”. Mais a dinámica de perda de servizos no rural non afecta só o ensino: “Agora tocoulle ás unitarias, antes ao centro de día, mañá.. que será?”, pregunta, ao tempo que considera que con estas medidas “fan de Canota un concello cada vez máis pequeno”. Os 9 nenos e nenas matriculados en Portocubelo e Viso pasarán a estudar no CEIP Carnota.

Este veciño de Lira considera que a veciñanza debe dar algún tipo de resposta. Recoñece que o nacionalismo está traballando para “facer algo” ao respecto -é o responsábel local do BNG en Carnota-, pois considera que non se pode permitir a perda de servizos, neste caso no ensino.

As escolas fechadas

Coa decisión da Xunta xa non prestarán servizo a Escola de Educación Infantil de Portocubelo, con 4 matrículas e a escola do Viso, con 5 alumnas e alumnos, ambas as dúas no municipio de Carnota. Tamén se elimina o servizo da EEI do Seixo de Mugardos, con 5 matrículas; do CEIP da Polveira en Trazo, con 4 matrículas; e suprimiranse a EEI de Arcos de Furcos, en Cuntis, con 3 persoas matriculadas e a EEI de Zamáns, en Vigo, con 5 persoas. Todas estas escolas suman 26 alumnas e alumnos en total que, en palabras da Consellaría, "teñen asegurada unha praza escolar noutro centro educativo próximo", mais como xa ten denunciando a comunidade educativa moitas veces o criterio de proximidade da Xunta obvia a distancias e a dispersión poboacional da Galiza.

O curso anterior 2018/2019 xa iniciou na Galiza con 74 aulas de Infantil e Primaria menos e 400 docentes interinas despedidas. Un curso no que escolas unitarias como, por exemplo, a de San Mateo de Oliveira (Ponteareas), tiveron que fechar as portas. No curso anterior, 2017/2018 foron 9 as escolas unitarias que fecharon.