“Non nos podemos permitir como sociedade condenar a alguén por escribir un libro”

[Luis Gonzalo Segura]

 

O  tenente Luis Gonzalo Segura conseguiu sortear a cadea militar no primeiro proceso aberto contra el, que, segundo o prego de cargos que recibiu esta mesma semana, consiste en “facer manifestacións en contra da disciplina militar”. A acusación baséase no contido da novela “Un paso al frente” e as entrevistas e declaracións que foi facendo nas sucesivas presentacións. Por esa “falta grave”, o xuíz togado, neste caso un xeneral, pídelle seis meses de reclusión nun establecemento penitenciario, que poderá ser o de Colmenar Viejo ou o de Alcalá Meco.

“Recorremos e logramos a paralización do proceso durante unha semana, mais teño claro que a seguinte continuará”, sinalou o oficial do Exército de Terra, que asume que a sentenza xa está escrita. “Acúsanme dunha falta reiterada de indisciplina, mais o que realmente vai en contra da disciplina militar é o que eu denuncio no libro e nas entrevistas”, explica o tenente, que, ademais de relatar na novela as corruptelas no seo das Forzas Armadas, denunciara graves delictos económicos cuxas probas foran rexeitadas precisamente por un xuíz militar.

“Acúsanme dunha falta reiterada de indisciplina, mais o que realmente vai en contra da disciplina militar é o que eu denuncio no libro e nas entrevistas”

Segura anunciou a recusación do xuíz que dirixe este primeiro proceso contra el perante o Xefe do Estado Maior do Exército de Terra ao crer que non é competente para facelo. “Unha falta grave como a que se me atribúe a min non pode só pode ser xulgada por un xeneral da Forza como de Artillería ou Infantería”, explicou, “e o que leva o meu caso non é tal, senón de Apoio á Forza”. Porén, ten claro o que vai suceder: “A xustiza militar é unha tómbola, pero unha tómbola trucada”.

Ademais deste proceso, o militar ten pendente aínda un expediente gubernativo que pide a súa expulsión –tecnicamente a rescisión do contrato- das Forzas Armadas e unha acusación do fiscal, que investiga nestes intres se esa falta grave é constitutiva de delicto, o que podería levar aparellada unha condea de até seis anos de cadea. Malia recibir numerosas mostras de apoio dos seus compañeiros e das asociación profesionais, Luis Gonzalo Segura, que xa está suspendido de emprego, dubida que o seu caso remate ben. “É infame, unha vergoña que na Europa do século XXI poida ir preso alguén por escribir un libro”, di, pois, engade, “éalgo que, como sociedade, non nos podemos permitir”.