Non máis de dúas persoas para o coidado das hortas

Unha horta en Sanxenxo (Imaxe: P.Lameiro na Wikipedia).
Poderanse mover dentro do propio concello e no veciño.

As persoas que teñan producións de autoconsumo poderán desprazarse dentro do mesmo municipio no que teñan o seu domicilio ou noutro colindante, e poderán ser até dúas persoas as que traballen na horta con este obxectivo sempre que o requiran os cultivos ou os traballos que teñan que realizar.

Así o recolle o Diario Oficial da Galiza, que onte publicou a orde de Medio Rural para coordinar as cuestións relativas aos desprazamentos de agricultoras non profesionais de acordo cos mandatos do Ministerio de Sanidade. 

Dúas persoas, máximo

Segundo estabelece a norma, os traballos de coidado das hortas de autoconsumo realizaranse de forma individual, salvo que se acompañe a persoas con discapacidade, menores ou maiores por outra causa xustificada. Porén, será sempre por un tempo indispensábel e respectando en todo momento as distancias de seguridade mais os protocolos de prevención recomendados pola autoridade sanitaria.

Tendo en conta o tipo de producións que se levan a cabo na Galiza, a Xunta sinala que, segundo o tipo de cultivo ou traballos a realizar, ás leiras poderanse desprazar até dúas persoas, mais en dous vehículos. En todo caso, tamén será polo tempo mínimo e imprescindíbel, respectando todas medidas de seguridade e protección.

Ademais, o Goberno galego informa que a necesidade de desprazamento deberá xustificarse nunha declaración responsábel que haberá que levar a canda un. Nese documento deberán figurar os terreos nos que se levan a cabo os cultivos ou os coidados das viñas. Cómpre identificar o número de parcela así como o tipo de plantacións que se realizan. Un requirimento que busca facilitar as oportunas comprobacións, controis e inspeccións por parte da Administración para verificar o contido desa declaración.

Profesionais e viticultores

Doutra banda, a Xunta precisou que non hai cambios con respecto á actividade que desenvolven os agricultores e viticultores profesionais e os seus traballadores. Polo tanto, poderán seguir efectuando os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e os viñedos. Ademais, poderán acreditar a súa condición de profesionais mediante a súa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias da Galiza (Reaga).

Así, os axentes da autoridade poderán dirixirse a este rexistro para efectuar calquera comprobación. No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditar a súa condición, ademais, co carné de manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado facilitada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe.