"Non imos gardar minutos de silencio, imos saír ás rúas"

Concentración na Coruña

Concentracións na Coruña, Ourense, Vigo, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Compostela reclamaron "xustiza" e "igualdade" perante o feminicidio.

 

Após o asasinato de Silvana de Oliveira en Vigo, o movemento feminista volveu saír ás rúas esta cuarta feira (7 de setembro) para denunciar máis un crime na Galiza e van "sete" este ano. 

A cifra recollida polo manifesto de convocatoria sinala tamén as "meniñas de Moraña" e a Sergio Rodríguez, asasinado xunto con Beatriz Rodríguez en Arbo este verán. Nomes que "non son computábeis" ás estatísticas oficiais dado que a definición de vítima só se cinxe ao ámbito da parella". 

"En tan só cinco anos, 79 galegas foron asasinadas", unha cifra que ascende a "case setecentas no estado español", apuntan. "Un feminicidio invisibilizado polos poderes públicos, pola xustiza, polo goberno do Partido Popular, mesmo polos medios de comunicación". 

Desde o movemento feminista denuncian que as vidas das mulleres "non teñen o mesmo peso, a mesma importancia, nen a mesma resposta ca de tratarse doutro tipo de terrorismo". "Non hai comparecencias pola vía da urxencia do presidente da Xunta de Galiza, nin do Estado español, tan só ocupan minutos de silencio institucional". 

Un feito que, aseguran, é "sintoma" de que "non vivimos nunha democracia". Neste senso, exixen a erradicación do "sistema patriarcal" que "se perpetúa baixo a premisa de que non somos donas de nós, que somos propiedade dos homes". Do contrario, advirten, "non pode haber democracia nin pode haber igualdade real". 

"Queremos visibilizar o noso rexeitamento" e que "toda a sociedade entenda que é a nosa vida a que está en perigo"

A súa presenza nas rúas, explicaron, responde á vontade por "mudar unha situación insostíbel para as mulleres e porque forma parte da nosa responsabilidade". "Queremos visibilizar o noso rexeitamento" e que "toda a sociedade entenda", engaden, "que é a nosa vida a que está en perigo". "Non imos gardar minutos de silencio, imos saír ás rúas" e farano, salientan, "todos os días que fagan falta exixindo xustiza, loitando pola igualdade". 

As concentracións producíronse dous días despois do asasinato de Silvana de Oliveira. A investigación policial determinou que a muller, residente en Vigo, foi asasinada 3 días antes de que fose atopado o seu cadáver no interior dun armario da vivenda que partillaba co seu asasino. O home, suicidouse con posterioridade. 

Silvana de Oliveira presentara dúas denuncias por violencia machista. Embora rexeitar testemuñar contra o que fora o seu compañeiro, existía un proceso xudicial en curso por malos tratos, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).