Non hai coidados sen coidadoras

Concentración do persoal de residencias de maiores da Galiza ante a sede de DomusVi en Vigo. (Foto: Arxina)
Levan case dous anos sen convenio e outros tantos sometidas ás exixencias da pandemia. As traballadoras das residencias da Galiza volveron concentrarse, en Vigo, para exixirlle á patronal do sector unha remuda das condicións laborais tras constatar que a Covid puxo en evidencia as eivas nos coidados, mais non cambiou nada.

Traballadoras das residencias de maiores da Galiza retomaron as mobilizacións na tarde desta cuarta feira fronte ao número 60 da rúa García Barbón de Vigo, sede central de DomusVi. "Primeiro, porque levamos dous anos co convenio caducado, sen subas salariais e sen contacto ningún entre a parte social e a patronal para chegar a un novo acordo", explica a Nós Diario Sonia Jalda, presidenta de Trega. Segundo denuncian desde a asociación de Traballadoras de Residencias da Galiza, hai moitas profesionais que xa non están, polo que "esas subidas nin se cotizan nin se pagan, e serán cartos que quedarán para as empresas privadas".

Trega reclama subas salariais para todas as categorías profesionais e mudar por completo a dotación de recursos dos centros de maiores. "Estamos igual que estabamos nos peores meses da pandemia, sen persoal e con material escaso". A falta de profesionais, apunta Jalda, é notábel dentro e fóra das residencias. Dentro é insuficiente para garantir o coidado das usuarias respectando o descanso das traballadoras, e fóra non alcanza as cotas necesarias para fornecer a demanda real de coidados. Non hai enfermeiras, mais tampouco auxiliares coa formación necesaria para dispensar unha atención de calidade.

Proveito máximo

"Temos un problema moi serio. De entrada, o incumprimento das ratios e, a maiores, a falta de formación específica do persoal que está entrando agora nas residencias". Como non hai profesionais dispoñíbeis, di a presidenta de Trega, "vale todo, e iso non pode ser". "Non se pode traballar nun centro sociosanitario con persoas, vulnerábeis, maiores, dependentes, con moitas patoloxías sen saber sequera como movelas".

Desde a residencia de Bembrive, Vigo, de titularidade pública pero de xestión privada, neste caso, de DomusVi, a traballadora Maribel Barreiro destaca as condicións laborais coas que se atopa o persoal que entra de novo, e que o leva, nalgúns casos, a renunciar ao cabo de pouco tempo. "De súpeto descobren unhas condicións de traballo durísimas. As veteranas xa as coñecemos de sobra e levamos anos denunciando o abuso que supoñen en termos laborais e o prexuízo que implican en termos de coidados. Para nós son habituais, pero non son normais".

Facemos 1.776 horas anuais fronte 1.600 que fan as compañeiras do sector público

Barreiro describe cambios inexplicábeis nos protocolos. Onde antes eran dúas as persoas encargadas de mover ou asear unha usuaria, agora só é unha, co risco que iso supón para a integridade de traballadora e residente. 

"Aprovéitannos ao máximo, sobre todo a quen vén de fóra. De 15 días descansan un, porque a empresa non respecta as quendas das traballadoras de vacacións que veñen substituír. E non todos aguantan, sen persoal, sen poder ofrecer a atención axeitada, sempre ás carreiras. Claro que renuncian! Hai quen despois da primeira quenda avisa que non volve e hai quen directamente non avisa", recalca Maribel Barreiro.

1.776 horas anuais

Para esta traballadora, urxe a renovación do convenio colectivo do sector, caducado desde o 31 de decembro de 2019 e sen avances na negociación. "E a responsábel directa é DomusVi, a empresa que máis peso ten na patronal das residencias privadas de maiores e tamén na mesa de negociación do convenio, que torpedean desde o primeiro día".

Están "fartas", a firma Barreiro a este xornal, "porque nunca é o momento de subir os salarios, nunca é momento de acordar melloras sociais e nunca é o momento de nada". E nas súas mans está a calidade de vida de moitas persoas "fráxiles e dependentes".

Así, denuncia unha precariedade de manual que afecta aos coidados mais tamén á contratación, aos salarios e ás condicións de traballo. "Facemos 1.776 horas anuais, que son moitísimas, fronte 1.600 que fan as compañeiras do sector público".

A pandemia puxo de manifesto o que estaba pasando pero, de momento, aínda non cambiou nada

A única resposta que atopan, son "as largas" da patronal, porque canto máis adían a sinatura dun convenio novo máis contratos temporais vencen e "máis subas salariais retroactivas aforran, que van parar aos fondos voitre", apunta Jalda.

Na concentración desta cuarta feira en Vigo Trega contou co apoio de familiares e usuarias dos servizos de dependencia, moi críticas co acceso aos centros e á información sobre os coidados reais que reciben as persoas residentes. "O contacto é moi limitado e non sabemos exactamente como as están coidando, pero non cremos que cambiase moito a situación. Non contrataron máis persoal nin están investindo máis", di Xosé Bernárdez Solla, presidente de Vellez Digna e secretario de REDE. "A lei non mudou e as empresas seguen a aforrar". 

Neste sentido, reivindica a demanda das traballadoras. "Son lexítimas e de xustiza. Se queremos ter as persoas maiores ben coidadas é fundamental acabar coa precariedade deste traballo e reforzar a especialización e formación en xeriatría".  E conclúe "a pandemia puxo de manifesto o que estaba pasando pero, de momento, aínda non cambiou nada".

Escrache a Josefina Fernández

Coincidindo coa mobilización convocada por Trega, familiares e usuarias das residencias da Galiza protagonizaron un escrache no número 62-64 da rúa García Barbón, sede do Círculo de Empresarios da Galiza, para denunciar a ex conselleira delegada de DomusVi Josefina Fernández,  agora vicepresidenta da organización empresarial tras sair elixida onte á tarde a candidatura única encabezada por Manuel Rodríguez.