Non haberá suspensión do xuízo como quería a defensa de Mangouras

Miguel Ángel Fernández, avogado de Nunca Máis
A segunda xornada do macroxuízo do Prestige centrouse na petición realizada onte polo avogado do capitán do petroleiro. A fiscalía rexeita as afirmacións de "conspiración" por parte da administración española. Tamén está en contra, xunto á avogacía do Estado e a Xunta, de rexeitar o informe do técnico que participou no gabinete de Aznar.

 

Despois dunha primeira xornada onde todas as partes puxeron as cartas sobre a mesa, neste segundo día de xuízo a partida comeza de verdade. Os protagonistas de hoxe foron as actuacións institucionais e da administración que rexeitaron, dunha banda, a proposta da defensa de Mangouras de suspender o xuízo e, doutra, a petición do avogado da Plataforma Nunca Máis de nulidade do informe do enxeñeiro naval Santiago Martín Criado.

Álvaro García, fiscal de Medio ambiente de Galiza, foi claro ao rexeitar a suspensión do xuízo como quería o avogado do capitán do petroleiro e non considerou as tres razóns que lle deron: a ausencia da armadora do Prestige, a incautación da documentación do barco antes de afundir e a dúbida dun xuízo xusto polas declaracións públicas de José María Aznar e do ministro de Exteriores nese momento contra Mangouras. O avogado do Estado e o da Xunta sumáronse a estes argumentos e propuxeron accións legais contra a armadora.

O ministerio fiscal, o Estado e a Xunta aceptan como proba o informe dun asesor de Aznar

O informe de Martín Criado

Miguel Ángel Fernández, avogado da Plataforma Nunca Máis, tivo que escoitar como o ministerio fiscal, o Estado e a Xunta, rexeitaban a súa petición de nulidade como proba xudicial do informe do técnico Santiago Martín Criado. Nese documento considerábase correcta a actuación "política" de afastar o petroleiro da costa e carga contra o estado de conservación do Prestige. Non tiveron en conta que o propio enxeñeiro, hoxe falecido, formou parte do gabinete de crise que organizara o daquela presidente do goberno español José María Aznar.