Suso Bermello perfílase como novo secretario nacional de CIG-Ensino

Anxo Louzao non se presenta á reelección no VII Congreso da federación, que decorrerá este sábado en Compostela. Unha cita na que se renovará 40% da dirección. 

Anxo Louzao deixa a secretaría nacional de CIG-Ensino. Faino após 16 anos no cargo do sindicato que é maioritario no ensino público non universitario, onde ten o 46% de representación, e que tamén é o primeiro no ensino universitario. O actual secretario nacional non opta a revalidar o cargo no VII Congreso que este sábado, 17, terá lugar en Compostela baixo o lema ‘Profesorado valorado nunha educación pública e galega’. Un Congreso no que tomarán parte 200 delegados e no que está prevista a renovación de 40% da súa Executiva. Non repetirán, entre outros e ademais do propio Louzao,  Marta Dacosta, Duarte Correa, Xosé Lois Rivera, Paula Bergantiños. Anxo Louzao adiantou esta segunda feira, na presentación do Congrso que, polo momento, e aínda que o prazo non remata até 48 horas antes do inicio das sesións congresuais, hai unha única candidatura presentada, encabezada por Xesús Bermello.

 

Louzao salientou a inxente actividade realizada durante este período, uns anos marcados, denunciou, por un endurecemento das políticas neoliberais, con recortes de dereitos sociais, laborais e liberdades democráticas e, sobre todo, pola “imposición da Lomce”. Denunciou o “seguidismo total e absoluto de Madrid” da consellaría de Educación “desentendéndose do sistema educativo galego” e a súa “actitude antidemocrática, autoritaria e caciquil”.

 

Representatividade

 

O secretario nacional de CIG-Ensino  valorou positivamente que durante este período se conseguira ampliar a afiliación nun 6% e que se incrementara a representación tanto no ensino público como no privado. A este respecto subliñou que a CIG-Ensino é maioritaria no ensino público non universitario, onde ten o 46% de representación, case a maioría absoluta e é tamén a primeira no ensino universitario.

 

Liñas de actuación

 

O VII Congreso da CIG-Ensino debaterá un relatorio de Acción Sindical no que se recollen as liñas básicas de actuación para os vindeiros catro anos. Prestarase especial atención á restitución dos dereitos laborais e sociais do profesorado e a conseguir unha redución das ratios con máis profesorado nos centros para atender a diversidade e ao alumnado con necesidades educativas especiais.

 

Defensa do idioma

 

Louzao explicou que no relatorio tamén se defende a necesidade dun modelo de inmersión lingüística que permita conseguir que o galego sexa lingua vehicular no ensino; un Estatuto Galego do Profesorado;  defensa dun novo marco político e educativo galego e a democratización e desburocratización dos centros.

,