“Non estamos soas, temos o feminismo”. Miles de mulleres tinguen as rúas de Galiza de lilá no 8M

A Praza de Praterías, ateigada. Imaxe: @singeneroddudas

Mobilizacións moi concorridas nas cidades galegas nunha xornada na que traballadoras de todos os sectores participaron no paro de mulleres.

Un 8M concorrido, activo e combativo. O Día internacional das mulleres deixou no noso país dúas imaxes principais: a de centos de traballadoras de diferentes sectores sumándose  ao paro de mulleres; e a de miles de persoas participando nas mobilizacións convocadas a última hora da tarde polo movemento feminista en diferentes cidades galegas.

Do aquelarre feminista de Lugo até a multitudinaria marcha que percorreu Compostela, as mobilizacións tiveron un seguemento moi importante. “Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita” rezaba a faixa que presidía a manifestación na capital de Galiza. “Estamos fartas de ser asasinadas”, coreábase na Coruña. “Non estamos soas, temos o feminismo”, proclamouse en Vigo. “Non son mortas, son asasinadas”, denunciábase en Ourense.

As mobilizacións puxeron o ramo a unha xornada de reivindicación de igualdade e de denuncia do machismo e o patriarcado. Centos de traballadoras de diferentes sectores (ensino, sanidade, CRTVG, comercio...) participaron no paro das mulleres. Unha iniciativa coa que denunciar a desigualdade laboral e salarial de mulleres fronte a homes ao tempo que visibilizar a importancia fulcral das mulleres. “Sen nós, o mundo non funciona”.

Aliás, e en diversas cidades e vilas, decorreron ao longo da xornada diferentes actos e programas para celebrar o Día das Mulletes, pulando por dotalo dun contido reivindicativo e de denuncia de situacións como a violencia machista ou a desigualdade laboral, entre outras. 

As imaxes do interior son de GZ Foto e GZ Contrainfo, a da capa de @Singeneroddudas