Masivas as concentracións contra a sentenza de "La Manada"

"Non é xustiza se é machista!"

Concentración na Coruña [Foto: Xurxo Lobato]

Un clamor contra a sentenza de 'La Manada". Iso foi o que se ergueu este serán nas rúas de Galiza, con múltiples concentracións nas cidades e vilas do país. O movimento feminista voltou a mobilizar miles de persoas. Para a grande maioría das participantes nestas concentracións, as institucións non só non protexen as mulleres, senón que as agreden, como mostraría a resolución xudicial que exonerou de violación os agresores da moza madrileña.

"Contra todo agresor a manada somos nós" e "non foi abuso, foi violación" foron algúns dos cánticos máis coreados nas concentracións que se viviron este serán na Galiza, algunhas multitudinarias como as de Vigo e Coruña. 

 

O movimento feminista galego mostrou, mais unha vez, e despois do grande suceso do 8M, a súa capacidade de convocatoria, chamando a participar nun total de 31 concentracións, nas 7 cidades e nas vilas cabeceiras de comarca do país.

 

"A complicidade institucional é violencia criminal", rezaba a faixa portada polas participantes na concentración de Vigo, un alegato contra as políticas machistas dos gobernos do PP que se vía complementado con cartaces con lendas tais como "se te resistes, mátante; se non te resistes, non te cren; non é abuso, é violación".

 

A atmosfera nas concentracións abalou entre a raiba e a indignación perante unha sentenza que é recibida polo feminismo como unha resolución xudicial que ampara a violencia machista, como un insulto contra todas as mulleres. 

 

Ao noxo e á repulsión por este novo ataque aos dereitos das mulleres -"no Estado español sae ben barato ser violador", o comentario aparecía en todas as conversas- uníronse tamén a emoción por tanto berro partillado, a solidariedade coa vítima e a determinación de intensificar a mobilización contra as agresións do patriarcado.