O Tribunal desbota a 'violación' e condena por "abuso sexual" os membros da 'Manada': 9 anos de cárcere para cada un

Estaban acusados dun delito de violación grupal nos San Fermíns de 2016 e a acusación pedía máis de 20 anos de cadea para cada un. O movemento feminista convoca varias concentracións de rexeitamento á sentenza para esta quinta feira, 26 de abril.

A sección Segunda da Audiencia de Nafarroa condena a 9 anos de prisión por un delito continuado de abuso sexual aos cinco acusados da violación grupal dos San Fermíns de 2016. O Tribunal considerou que os membros do grupo, Antonio Manuel Guerrero Escudero, Jesús Escudero, José Angel Prenda, Alfonso Jesus Cabezuelo e Angel Boza son culpábeis dun crime de abuso sexual e non de agresión sexual, tal e como solicitou o Fiscal e a acusación privada, da que foron absoltos. Tamén foron absoltos dun crime contra a privacidade e só un foi condenado a dous meses de multa por roubo do teléfono móbil da rapaza agredida.

 

Ademais dos nove anos de condena, o tribunal impuxo a prohibición de achegarse á vítima a unha distancia de menos de 500 metros e prohibir a comunicación coa vítima durante 15 anos. Ademais, despois de cumprir a condena, todos deben cumprir cinco anos de liberdade condicional. A Audiencia de Nafarroa tamén considera que son responsábeis civís e, polo tanto, condénaos a compensar á moza con 50.000 euros e con 1.531.37 euros ao servizo sanitario navarro.

 

Segundo deu a coñecer a propia Audiencia, un dos tres maxistrados, Ricardo González, emitiu un voto particular discordante na que invoca a absolución. A resolución xerou unha gran indignación entre as persoas que participaron nunha manifestación perante a sede da Audiencia de Nafarroa. 

 

O Código Penal define o delito de abusos sexuais como actos que atentan contra a liberdade sexual "sen violencia e intimidación" e sen que medie consentimento. Polo tanto, o tribunal entende que non houbo violencia e intimidación, que é como se define o delito de agresión sexual na lei. Os maxistrados consideran que si houbo prevalemento, que ocorre cando a persoa que abusa aproveita unha situación concreta e especial de superioridade, confianza, prestixio ou poder sobre a vítima.

 

Concentracións

 

O movemento feminista convoca diversas concentracións en Galiza en rexeitamento a esta senteza.

Compostela. Praza 8 de Marzo. 20:30 horas

Bertamiráns. Praza da Maía. 19: 30

Lugo. Concello. 20:30 horas

Vigo. Marco. 20:30 horas

Coruña. Obelisco. 20:00 horas

Pontevedra. Audiencia Provincial. 20:00 horas

Ourense. Castañeira. 20:00 horas.

As Pontes. Concello. 20:30

Cangas. Concello. 20:00

Noia. Concello 20:00

Ferrol. Xulgados. 20:15

Vilagarcía. Concello. 20:00.

Viveiro. 20:00 horas

Cambados. 20:00

Ribadeo 21:00 Praza 8 de Marzo

Barco de Valdeorras 20:15 Praza do Concello.

Redondela 20:30 Diante do Xulgado

Sarria 20:30 No concello

Teo 19:30 Casa do Concello

Boiro: Concello 20:30h -

Ponteareas: Xulgados 20h -

Moaña: Concello 20.30h

Vilalba: Praza Constitución 20:30

Miño. Praza do Parchís 20:00

Cee: Pza 8 de Marzo. 20:00 horas

Carballo. Praza do Concello. 20:00 horas.

Tomiño. Concello. 20:30

A Estrada: Concello 20:30

Monforte: Praza de España 20:00

Rianxo: Concello 19.45

Melide. Praza do Convento. 20:00

 

En ampliación