O PP non apoia mocións a prol da asistencia sanitaria nos abortos

Rexeitou en Arteixo a iniciativa apelando á obxección de conciencia mentres que en Oleiros e na Deputación da Coruña se abstivo. 

O BNG presentou mocións municipais nos concellos da área sanitaria da Coruña á fin de recoller apoios municipais a prol do dereito das mulleres a interrupcións da gravidez con todas as garantías. As iniciativas foron impulsadas após facerse público que no Hospital Materno da Coruña se estaban a dar abortos sen asistencia sanitaria, unha realidade que atinxiu tamén o hospital de Ferrol, Arquitecto Marcide, como recolleu Sermos Galiza através do testemuño dunha das mulleres

A Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña reclama, como tamén algúns profesionais, a creación de dúas unidades de referencia

Porén, os grupos municipais do Partido Popular semella que non apoiarán exixir á Xunta de Galiza que o Sergas respecte os protocolos internacionais cumprindo coa obriga de prestar "unha atención axeitada" para aquelas mulleres que interrompen a súa gravidez no segundo trimestre de xestación ou sofren un aborto espontáneo. Aliás, tampouco instará Sanidade a "abrir unha investigación" sobre o acontecido, nen a repor no COF do Ventorrillo a praza de Xinecoloxía que fica baleira desde xaneiro de 2013, como recolle a moción presentada na que tamén se insta á creación de "dous centros de referencia no país para a atención da IVE". 

A razón argüída polo Partido Popular é o último punto da moción referida á obxección de conciencia d@s profesionais e na que se pide que "o dereito" das mulleres a recibiren "unha atención integral do aborto nos hospitais públicos" non estexa subordinada a críterios "ideolóxicos". 

Isto é, desde a Plataforma polo dereito ao aborto reclaman que embora existir esa posibilidade, contemplada na lexislación estatal, este feito non supoña un impedimento para exercer o dereito ao aborto na rede pública, como acontece na actualidade no CHUOU e noutros hospitais públicos da Galiza o que deriva directamente as mulleres ás clínicas privadas concertadas polo Sergas. 

"En Arteixo fixeron moito fincapé no da obxeción de conciencia, que había que garantila que retiraramos ese punto", sinala a portavoz do BNG de Arteixo, Silvia Seixas. Así mesmo a portavoz do PP "dixo que abortar de pé non é tan mao tendo en conta que hai moitas persoas que defenden que os partos sexan así", explica Seixas. 

En Oleiros e máis na Deputación da Coruña o PP optou por se abster, así as cousas, nestas institucións non contan con maioría no pleno polo que as mocións foron aprobadas. 

 

"Manipulación do debate"

No Pleno da Deputación, decorrida esta sexta feira (26 de febreiro) o PP solicitou "votar por puntos" o texto da moción, explica en conversa con Sermos Galiza Vitoria Louro, integrante da Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña, unha posibilidade rexeitada desde o colectivo pois o PP só amosou vontade de votar a favor de instar o Sergas a investigar. "Negaron todo o demais e puxeron en cuestión os testemuños que saíron estes días", sinala a respeito dos relatos feitos públicos en diversos medios de comunicación, entre eles Sermos Galiza, de mulleres que se viron obrigadas a abortar sen asistencia. 

A Plataforma denuncia que o PP está a "mesturar" de maneira intencionada as interrupcións voluntarias da gravidez e os abortos no segundo trimestre de xestación

"Din que se están a cumprir os protocolos, que hai profesionais, que non son precisas as unidades de referencia", explica a respeito da intervención do voceiro popular, Agustín Hernández. Así mesmo, subliña a "manipulación", di, que o PP e a Xunta está a facer "do debate" ao "mesturar" as interrupcións voluntarias do embarazo (até as 12 semanas) e os abortos no segundo trimestre de xestación. "Son cousas distintas", sentencia. 

"Parécenos moi grave que non se estexa a escoitar o propio persoal" sanitario que "corrobora o desmantelamento do servizo, sentencia. Porén, "non agardabamos que apoiaran" a moción "sabemos que o PP non vai defender os dereitos das mulleres e menos os sexuais e reprodutivos".