O Sergas defende a súa xestión dos abortos que, nalgúns casos, se practican en Madrid

Quirófano da Clínica Castrelos en Vigo

Asegura que as interrupcións voluntarias do embarazo son atendidas por profesionais especialistas en Obstetricia e Xinecoloxía. Porén, non todos se practican na sanidade pública nen na Galiza. 

Cun sucinto comunicado de imprensa o Servizo Galego de Saúde saíu ao paso do conflito xurdido arredor dos abortos durante o segundo trimestre de embarazo no CHUAC e tamén no CHUF. Ao tempo, o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o goberno galego investigará "se cada queixa ou denuncia ten xustificación". 

Feijóo anuncia que a Xunta investigará "se cada queixa ou denuncia ten xustificación" mais defende a xestión do Sergas

Desde o Sergas aseguran que as "interrupcións voluntarias do embarazo" son "atendidas por facultativos especialistas en Obstetricia e Xinecoloxía, persoal de enfermaría e auxiliares de clínica" através de procedementos que están "debidamente protocolizados". 

No comunicado remitido aos medios e pendurado na páxina web sinalan que "as mulleres acoden en primeiro lugar ao Centro de Orientación Familiar, onde asinan un consentimento informado en relación a este procedemento". "As pacientes son informadas por un médico quen lles insiste en aspectos psicolóxicos que poidan estar ligados á interrupción da xestación". 

Aliás, atribúe ao efecto dos fármacos empregados para a indución do parto a premura na que, asegura, se pode producir a expulsión do feto. Razón que argüen para xustificar os partos de mulleres soas nos baños das habitacións de ingreso, ao igual que fixo o director médico do CHUAC, Ricardo López Boullón. 

Peregrinaxe a Madrid

Porén, o relato das mulleres que denunciaron teren abortado durante o segundo mes de xestación sen asistencia sanitaria dista moito do procedemento descrito polo Sergas. Destarte, non todas as interrupcións do embarazo se practican no Sergas nen na Galiza. No concreto, a alternativa que se lles presenta ás mulleres que se atopan nesta situación é seren deslocadas a clínicas madrileñas nas que si optarían a unha asistencia médica garantizada durante o proceso no que poden acceder ao mecanismo de dilatación e extracción (abortos cirúrxicos). 

Unha desas clínicas é Isadora que na súa páxina web dá conta dos convenios asinados con administracións públicas entre as que se atopa o Sergas. A orixe destes acordos con entidades privadas galegas e españolas radica na despenalización do aborto --primeiro na lei de supostos (1985) e posteriormente na de Interrupción Voluntaria do Embarazo (2010)-- e a obxección de conciencia declarada por unha parte importante do colectivo de facultativos galegos. A lexislación contempla esta posiblilidade para todas as persoas que interveñen durante o proceso de interrupción do embarazo (médicos, matronas, enfermeiras). A medida que avanza a xestación tamén o fai progresivamente o número de profesionais da saúde que se negan a participar. 

En Galiza non se practican abortos a partir das 14 semanas en clínicas privadas, os casos son derivados a Madrid

Hai nove anos, no 2007, unha reportaxe publicada pola xornalista Cristina Huete en El País daba conta do traslado a Madrid de mulleres en situacións moi semellantes ás descritas nos últimos días na Coruña e Ferrol para que a súa gravidez fora interrompida. No concreto, relata o caso de Ana María (nome ficticio) a quen se lle ofreceu esta posibilidade ao non existir máis que tres xinecólogos en todo o país dispostos a facelo, ningún deles en Compostela, de onde era veciña na altura. Estaba embarazada de 18 semanas cando se lle diagnosticou ao feto unha malformación incompatíbel coa vida. O aborto tivo lugar na semana 22, através dunha equipa médica ourensá disposta a practicar o aborto que conseguiron através dun familiar. 

En 2007 apenas tres xinecólogos practicaban abortos na Galiza

Fontes consultadas por Sermos Galiza aseguran que casos semellantes ao de Ana María, nos que a gravidez supera as 20 semanas (5 meses de xestación) e non constitúen abortos espontáneos, son derivadas directamente a clínicas privadas fóra do país pois na Galiza non existen entidades autorizadas para os practicar, tampouco privadas. No noso país existen tres clínicas privadas autorizadas legalmente para practicar interrupcións voluntarias do embarazo, Arce na Coruña, Castrelos en Vigo e Instituto Médico Gelme, propiedade tamén da anterior. Todas elas practican interrupcións do embarazo até a 14ª semana. 

Os custes de deslocamento asúmeos o Sergas, tamén da persoa que acompaña á muller, incluída a estadía, o tratamento e os días de ingreso. Segundo a información publicada pola Clínina Isadora na súa web o custe dos abortos oscila entre os 380€ dun farmacolóxico até os 1.655€ se se tratar da interrupción dunha gravidez situada entre as 21 e 22 semanas de xestación. A partir dese momento, no Estado español só se permite legalmente abortar se existen graves riscos para a vida da muller ou do feto.