"Non aparece ninguén enviado pola Xunta para axudar": así se vive no terreo a limpeza dos pellets nas praias galegas

Pellets recollidos nunha praia da Coruña durante a fin de semana (Foto: Elena Fernández / Europa Press).
“Estivemos seis horas limpando na praia de Queiruga e en todo ese tempo non apareceu ninguén de ningunha empresa contratada pola Xunta da Galiza para axudar. Só cando marchabamos apareceron uns operarios cunha furgoneta, que supomos que eran dunha empresa contratada pola Administración e simplemente colleron os sacos que nós tiñamos e marcharon”, manifestou a 'Nós Diario' unha persoa voluntaria.

“Impotencia” é a palabra que mellor define o que están a sentir as persoas voluntarias que se achegan ás praias galegas durante estes días para axudar na necesaria limpeza dos millóns e millóns de pellets vertidos o 8 de decembro polo buque Toconao, á altura de Viana do Castelo, en Portugal perto de augas galegas.

Pouco despois da vertedura dos microplásticos, principalmente nas praias galegas das Rías Baixas comezouse a detectar a presenza destes pellets de gran perigosidade para o ecosistema mariño.

Ante esta situación, Nós Diario contactou con Sandra Vilaseco, unha das voluntarias que na fin de semana se achegou á praia de Queiruga, no concello de Porto do Son (comarca de Noia) para axudar na retirada dos pellets durante toda a tarde.

“Estivemos seis horas limpando na praia de Queiruga e en todo ese tempo non apareceu ninguén de ningunha empresa contratada pola Xunta da Galiza para axudar. Só cando marchabamos apareceron uns operarios cunha furgoneta, que supomos que eran dunha empresa contratada pola Administración e simplemente colleron os sacos que nós tiñamos e marcharon”, manifesta Vilaseco. Ante isto, a voluntaria asegurou sentir “unha tremenda impotencia” xa que, aos seus ollos “estamos abandonados á nosa propia sorte por parte da Administración”.

Na súa opinión, o Goberno galego debería, “canto antes” facerse cargo da limpeza das praias “como sexa, eles directamente ou a través dunha empresa. O que for pero que se faga algo xa porque a situación é moi grave, hai que controlar que isto non empeore aínda máis”.

"Son moi pequenos"

Acerca da situación xeral das praias afectadas, Vilaseco asegura que “é grave porque os pellets cóntanse por millóns e son extremadamente pequenos, algo que me sorprendeu”, xa que, asegura “pensaba que eran algo máis grandes”.

“Son diminutos, recoller iso é practicamente imposíbel pola nosa parte porque non só hai que recoller senón que despois é preciso peneirar para non levar cunchas e demais”, indica a voluntaria. Así, Vilaseco asegura que “ao final, a frase de ‘só o pobo salva o pobo’ acaba por ser certa sempre”.

Agasallo a Rueda

Algunhas das persoas que se encontraban nesas praias decidiron este domingo ante "a inacción da Xunta" deixar un “agasallo” a Alfonso Rueda, o presidente da Xunta da Galiza, e a Alfonso Villares, conselleiro do Mar, diante dos edificios de San Caetano, en Compostela. Varios sacos e bolsas cheas de pellets acompañados dunha nota na cal se pode ler que tal cantidade, uns 25 kg, é froito de 50 horas de traballo de limpeza no areal de Queiruga