Cronoloxía da “crise dos pellets” na costa galega: isto é o que se sabe até o momento

Os pellets encontrados nas rías de Arousa e Muros-Noia (Foto: Noia Limpa).
Até 1.000 sacos de bólas de plástico terían caído ao mar fronte a costa portuguesa.

No marco do cruzamento de acusacións entre a Xunta da Galiza e o Goberno español sobre a xestión e a ocultación ou non dunha vertedura de millóns de pellets de plástico nas costas galegas, a Delegación do Goberno español na Galiza vén de emitir un comunicado no que vai pública toda a información que ten ao seu dispor.

Ademais de desvelar información nova como a cantidade de sacos que caeron ao mar desde o Toconao e as comunicacións realizadas coa armadora do buque, o Goberno español insta a Xunta a activar o nivel 2 do Plan Camgal (até o momento só está activo o nivel 1) para que se poidan mobilizar medios estatais destinados á limpeza dos areais.

13 de decembro

O pasado 13 de decembro comezan a chegar ás costas de Ribeira (O Barbanza) sacos cheos de pellets de plástico e tamén pellets dispersos. A primeira alerta que recibe o Goberno español chega a través da Xunta da Galiza, en concreto dos servizos do 112, que son quen comunican a primeira información ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel. Simultaneamente, os vixiantes da Demarcación de Costas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, levaron a cabo labores de vixilancia da costa afectada.

O Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra abriu de inmediato unha investigación para determinar a orixe da vertedura. As primeiras evidencias apuntaron xa a que podería tratarse do contido dun dos seis contedores que perdería o buque Toconao (bandeira de Liberia - IMO 9627899), o día 8 de decembro, uns 80 quilómetros ao oeste de Viana do Castelo (Augas de Responsabilidade SAR Portuguesa).

20 de decembro

O 20 de decembro, o avogado da armadora do buque recoñeceu os feitos ao centro de coordinación de Salvamento Marítimo. Explicou que contrataran técnicos especializados para o seguimento da vertedura e púxose ao dispor para o pago dos custos dos labores de limpeza e para colaborar no necesario. Ese mesmo día, o Goberno estatal comunica á da Galiza estas novidades.

4 de xaneiro

O 4 de xaneiro, o avogado da armadora do buque estimou que o contedor accidentado albergaba mil sacos de pellets. Con 25 kg en cada saco, estariamos entón ante un total de 25.000 kg de pellets de plástico que poderían chegar ás costas galegas.

Tamén informou de que non teñen constancia de se o contedor se afundiu ou non, polo que descoñecen a cantidade exacta de sacos que compoñen a vertedura.

Respecto ao contido dos contedores que caeron á mar, o Goberno español afirma que solicitou ás autoridades portuguesas que acheguen o completo da información nun informe final das actuacións realizadas

O Goberno español di estar realizando un seguimento exhaustivo do incidente. Por unha banda, “a través de imaxes satelitais e vixilancias aéreas programadas pola Dirección Xeral de Mariña Mercante”, que non detectaron ningunha mancha. Ademais, desde a Demarcación de Costas na Galiza, e polo que se refire á situación na costa, “contactouse desde o primeiro momento cos concellos afectados para a retirada dos pellets (Ribeira e Porto do Son en decembro, Muros en xaneiro)”, afirman desde o Executivo español.

Tamén se realizaron vixilancias constantes da zona, constatando que a incidencia até o 5 de xaneiro “fora puntual (tres concellos)”, aínda que a retirada destes restos pode ser “moi laboriosa”.

O 3 de xaneiro tense constancia da chegada de pellets ao municipio de Muros. E o 6 e 7 de xaneiro empezan a aparecer máis ao norte ata A Coruña e Oleiros, e máis ao sur até a ría de Vigo. Na fin de semana do 6 e 7 de xaneiro empezan a chegar pellets a outros municipios galegos.

Na segunda feira 8 de xaneiro  a Demarcación de Costas contactará cos concellos afectados para coñecer de primeira man as actuacións que se están levando a cabo.