"Non" ao parque eólico de Pedra Queimada, en Arteixo: BNG e PSdeG presentan alegacións contra o proxecto

Cartel indicador no Polígono de Morás, en Arteixo (Foto: Arxina)
O Goberno local, en mans do PP, tamén mostrou o seu rexeitamento frontal ao parque eólico.

O pasado 4 de xullo, a Xunta da Galiza someteu a información pública o proxecto de parque eólico de Pedra Queimada. Cunha potencia prevista de 11,4 megavatios e un orzamento de máis de 7,5 millóns de euros, suporía a instalación de dous aeroxeradores, un no concello de Arteixo e outro no da Laracha.

Precisamente, o PSdeG de Arteixo presentou esta semana alegacións contra o proxecto de Pedra Queimada para pedir a súa retirada definitiva pola "incompatibilidade cos valores ambientais patrimoniais e paisaxísticos e a falta de licencia social".

Aliás, os socialistas tamén fan referencia a unha "afección severa e prexuízos irreversíbeis para as áreas de interese paisaxístico, sobre todo nun contorna tan apreciada como a de Caión".

Antes do PSdeG, o BNG de Arteixo xa presentara alegacións contra este parque eólico. No caso dos nacionalistas, denuncian que este proxecto forma parte doutro máis grande, polo que é produto dunha "división artificiosa e fraude de lei". Fan referencia ao parque de Monteagudo, que tamén foi sometido á información pública, e piden, ao igual que o PSdeG, que se avalíen como un único proxecto, e non como proxectos independentes.

Por outra parte, as alegacións do Bloque tamén sinalan que a calidade urbanística e de vida da poboación de Arteixo quedaría condicionada pola instalación destes parques eólicos; así como diferentes recursos hídricos e forestais da contorna do concello, que se verían afectados polas infraestruturas do parque.

Rexeitamento do Concello

No mesmo momento, no que o Goberno galego publicou no Diario Oficial da Galiza (DOG) a información dos parques de Pedra Queimada e Monteagudo, o Concello de Arteixo, en mans do PP, mostrou o seu rexeitamento frontal ao proxecto, debido a seu impacto medioambiental "negativo" e a súa proximidade a núcleos rurais.

O Goberno local, co alcalde Carlos Calvelo á fronte,  encargou a elaboración dunha serie de informes técnicos que alertaban da posíbel vulneración da lexislación medioambiental que podería supor a instalación dos aeroxeradores, xa que "a totalidade do Concello de Arteixo está incluído na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo".

Aliás, o Concello sinala que o proxecto tampouco fai ningunha referencia aos beneficios laborais que traería o parque de Pedra Queimada a Arteixo, xa que "non se desenvolve esta cuestión, nin se identifican os postos de traballo directos, indirectos ou inducidos, nin os beneficios que dito impacto xerará na contorna directamente afectada".