"Non ao medo": A diferenza segue a ser a causa principal de acoso e violencia na escola

As pantallas irromperon para amplificar as consecuencias da violencia e o acoso escolar. (Foto: Nós Diario).
O acoso escolar é un dos principais problemas de convivencia nas escolas. Desde hai anos é unha preocupación constante que a comunidade educativa trata de frear desde a prevención, a detección precoz e a intervención directa. Este 2 de novemebro é o Día Internacional contra a violencia e o acoso escolar que a Unesco conmemora baixo o lema 'Non ao medo: acabar coa violencia escolar para mellorar a saúde mental e a aprendizaxe'.  

Hoxe, hai centros que o dan por superado despois de investir moitas horas en formación e acompañamento emocional, en traballar o respecto ás diferenzas, "en dar seguridade ao alumnado para que veña ao centro e se sinta escoitado", afirma a Nós Diario Manoli del Palacio, presidenta da sección Educativa do Colexio de Psicoloxía da Galiza e orientadora no IES Santo Tomé de Freixeiro, en Vigo, onde cada ano volven sobre lemas e recursos que manteñen a violencia afastada das aulas e do alumnado, tamén fóra da escola.

O acoso escolar, con todo, "é moi sutil e difícil de detectar". Pode adoptar formas moi diferentes, di. "Un estudo da Fundación ANAR sinala que mentres na educación Primaria son máis habituais as agresións físicas: patadas, golpes, cambadelas, roubos; en Secundaria prevalece o acoso psicolóxico, que bota man da violencia verbal: humillacións, insultos, ameazas, e da violencia social: o 'ti non xogas con nós' ou o 'ti calas a boca', o illamento, a exclusión".

As novas tecnoloxías propiciaron que estes ataques que antes apenas escapaban dos patios ou das inmediacións dos centros educativos agora se manifesten a través das pantallas en calquera momento. "É unha mochila que pesa e non podes soltar", resume Del Palacio.

Ciberacoso

O ciberacoso é unha das formas máis daniñas e importantes de acoso. Segundo un estudo de Unicef e a USC de 2021, un de cada cinco adolescentes na Galiza podería estar sendo vítima de ciberacoso, cunha taxa de vitimización de 21,8%. Porén, a terceira macroenquisa de convivencia realizada pola Xunta da Galiza, tamén de 2021, evidencia un "bo clima nas aulas galegas". Segundo recolle, só 16% do alumnado consultado percibe condutas negativas no seu centro e menos de 10% identifica casos de acoso, ciberacoso ou agresións físicas.

"Os colexios e institutos son un reflexo do que hai na sociedade. Se hai violencia fóra dos centros tamén a hai dentro deles. Pero hoxe son moito menos violentos do que o eran nos anos 90 e os 2000. Hai menos violencia explícita. O que se observa é máis acoso nas redes".

Irma Álvarez é unha das dúas orientadoras coas que conta o IES Politécnico de Vigo, afeitas a intervir en desencontros puntuais entre alumnado e tamén en casos que merecen o tratamento de acoso ou ciberacoso, que moitas veces teñen a súa orixe "no sexismo, a homofobia ou lgbtifobia e no racismo". 

A diversidade é o principal detonante do acoso, que para ser tal debe "ocorrer con frecuencia, de forma sistemática e coa intención de facer dano". Tamén sitúa no foco o máis débil, "e iso significa que moitas veces a atención ten que estar co acosador. Por que fai iso? Non hai que perder de vista que son rapaces e rapazas en formación. Hai preguntar que lles pasa, que vai mal no seu contorno, son vítimas dunha situación que requira intervención?", resume Álvarez.

Axudantes en convivencia

No seu instituto contan con alumnado axudante en convivencia. "Chegaron a ser 17 estudantes. Hoxe son 11 e imos formar alumnado novo". Son observadores e desenvolven dinámicas de acollida da rapazada que chega nova ao centro "para que saiban que poden acudir a eles se teñen calquera problema. Son quen antes e mellor identifican quen o está a pasar mal", quen moitas veces dan aviso de situacións nas que é necesario intervir, "sempre co máximo coidado para non danar máis nin vítima nin agresor", recalca Irma Álvarez. 

Mais tamén as familias poden contribuír. "Son as máis vulnerábeis nun proceso de acoso" e precisan de indicadores que lles axuden a previr, identificar ou atallar o sufrimento dos seus, apunta Manoli del Palacio.

Unha guía editada polo Colexio de Psicoloxía recolle os principais indicios físicos, psicolóxicos e sociais do acoso: "Xa non dorme coma antes, sempre ten dor de cabeza, non quere ir á escola; presenta cambios no comportamento, maior ansiedade, choros; xa non quere ir só ou soa, tampouco polo sitio que ía sempre, renuncia a actividades que lle gustaban".

Acabar coa violencia escolar é un paso máis para mellorar a saúde mental e aprendizaxe.