#NomearmosEnLila: campaña para a feminización de rueiros, nomes de institucións e centros educativos

“Buscamos corrixir o desequilibrio actual na escolla de nomes femininos e masculinos en edificios, rueiros, asociacións, fundacións ou centros escolares. Entendemos que é de xustiza visibilizar a participación das mulleres na sociedade da que formamos parte”. Así explica o Observatorio da Mariña pola Igualdade a campaña #NomearmosEn Lila, que quer dar continuidade á iniciativa  de cambio de nome do CEIP Antonio Pedrosa Latas de Celeiro.

 

Na primeira fase centraranse no eido do ensino, “pois pensamos que a escolla de nomes femininos para os centros servirá de referente e modelo”. Na Mariña, entre 46 centros públicos, tan só hai un centro con nome de muller: o IES María Sarmiento de Viveiro. Por este motivo dirixímonos a varios centros educativos mariñáns para solicitarlles que realicen un cambio de nome dos mesmos.

 

“Centrámonos nesta acción naqueles centros públicos que levan por nome a localidade na que se ubican, nos centros que teñen un nome relixioso, nos centros co engadido “Número 1”, nas Escolas Municipais de Música e nas dúas Escolas Oficiais de Idiomas da Mariña. É de destacar que ningunha Escola Oficial de Idiomas de Galiza ten unha denominación específica máis alá da localidade na que se ubica, malia que o Decreto que establece o Regulamento das EOI si permite denominacións específicas”.

 

No caso dos centros que desexen manter o nome da localidade, proporáselles que o nome feminino vaia a continuación do topónimo. “Tamén nos puxemos en contacto coas persoas responsables dos departamentos de igualdade e de educación dos Concellos nos que se ubican estes centros”.