Violencia machista

Noelia Míguez relata o intento de feminicidio ao que sobreviviu: "Teño que aproveitar que estou viva para protestar por todas"

Noelia Míguez e Patricia Calveiro esta terza feira en Compostela, na presentación do libro. (Foto: Nós Diario)
"Fun unha vítima da violencia de xénero, pero hoxe son unha sobrevivente e podo falar por todas as que xa non están". Noelia Míguez, autora de 'Ocho señales. Cuestión de vida o muerte' (Editorial Meraki), presentou esta terza feira en Compostela da man da Marcha Mundial das Mulleres o seu libro, un volume que asina xunto a Patricia Calveiro, no que rememora unha historia real de violencia machista. A súa.

Noelia Míguez, veciña de Boqueixón, na comarca de Compostela, sobreviviu a tres anos de violencia machista por parte da súa parella que culminaron en xuño de 2015 cun ataque brutal que a piques estivo de acabar coa súa vida. Recibiu oito puñaladas do seu ex mozo, oito tesoiradas das que se acabou recuperando, e que na actualidade conta en forma de capítulos. 

Comezou a escribir a súa experiencia convencida de querelo facer, mais con dúbidas sobre o interese que podería suscitar. "As primeiras anotacións foron a modo de diario. Eran cousas que me ían acordando e que me apetecía pór por escrito". As primeiras páxinas xurdiron ao mesmo tempo que perdía o temor a contar a súa historia en público. "Eu non lle tiña medo a nada. Teño que aproveitar que estou viva para protestar por todas e falar en nome de todas", explica en declaracións a Nós Diario.

Un maltratador nunca empeza dando unha labazada. Se fose así escapabamos todas. Empezan pola cabeciña

Co apoio da editorial que tirou do seu proxecto e o acompañamento da xornalista Patricia Calveiro, Míguez completou oito capítulos máis un. Colleu a medida das oito cicatrices que garda o seu corpo para describir oito indicios da violencia machista que ela mesma viviu e que tardou en advertir, di.

Do insulto ao asasinato

"No meu libro non hai nada inventado. É todo como o vivín. Eu ao principio pensaba que o que tiña era normal, que o que facía era por que me quería. Mesmo cheguei a pensar que o que me pasaba era culpa miña". Noelia Míguez describe un proceso tóxico e progresivo que se advirte no índice do libro: falta de respecto, primeira cuspidura, primeira agresión física, primeira queimadura, infidelidade, primeiro estrangulamento, dependencia insá e intento de asasinato.

"Un maltratador nunca empeza dando unha labazada. Se fose así escapabamos todas. Empezan pola cabeciña". Míguez detense en todas as formas de violencia psicolóxica que sufriu e no impacto que lle causou, mai fondo se cabe que calquera dano físico. "Sempre usaba o meu corpo para atacarme e fíxome pensar que non valía para nada. Dicíame: 'Se me deixas ou te deixo, quen te vai querer?'. E eu pensaba, que razón ten". 

Menosprezos, insultos, humillacións, chantaxes. "O seguinte foi a violencia social. Separoume dos meus amigos, despois das miñas amigas e máis tarde tratou de pórme en contra familia".

Cando Noelia comezou a rebelarse chegaron as primeiras agresións físicas: cuspiduras, tiróns de pelo, empurróns. "Mesmo me deixou tirada nunha cuneta de madrugada". 

Os ataques e as ameazas foron a máis. "Chegou un momento en que lle pedín deixalo: 'cáioche mal, non me queres, posme os cornos porque non che gusto. Déixame xa!'. Foi aí cando se viu acurralado e tentou matarme".

Noelia Míguez cuestiona a distancia e a desinformación que a sociedade demostra ás veces con respecto á violencia e ás mulleres maltratadas e pon o foco na poboación máis nova. "Nos institutos vexo como normalizan comentarios e comportamentos machistas".