Ángel Amaro

“No rural galego houbo sempre unha pegada LGTBI”

Ángel Amaro

Conversamos con este ourensán, sociólogo e activista, sobre o o primeiro Foro LGTBI ‘O rural galego entende. Faite ver’, que esta fin de semana vai ter lugar en Arzúa, organizado polo SLG. Un encontro pioneiro que non é, desde logo, unha simple xuntanza do movemento nunha contorna rural.

A cita é este sábado, na Casa da Aldea, en Cursicada (Arzúa). Alí desenvolverase o Foro 'O rural galego entende. Faite ver'. Falamos con Ángel Amaro, un dos responsábeis deste encontro organizado polo Sindicato Labrego Galego (SLG).

 

- Por que existe e está tan estendida esa idea de LGTBI e rural como antagónicos?

 

- É certo, existe a idea que que as cuestións LGTBI [Lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais] son alleas ás dinámicas do rural. Neste Foro queremos afondar nesa visión do ámbito urbanita que sempre tentou que a cuestión LGTBI fose asociada a homes, brancos, occidentais e grandes cidades. Que quer construír a identidade LGTBI en torno ao consumismo e ás cidades. Isto é un discurso que existe e vemos como haiactivismos LGTBI están ancorados nesta visión androcéntrica, urbanita, allea ao rural. A isto engádese que hai unha serie de estereotipos cara ao rural que incompatibilizan o ser LGTBI con ser rural.

 

Se ti dis que es LGTBI e que es do rural, e que ademais es campesiño, falas galego, que non entras no consumo do ‘merchandising’ LGTBI, negas esas ideas básicas que o sistema capitalista fornece sobre o que é LGTBI.

 

- Hai en Galiza fenda entre rural e cidade no que atinxe o LGTBI?

É certo que en Galiza aínda hai algúns espazos rurais que son bastante antagónicos á dinámica urbana mais creo que gran parte do que no noso país hai a nivel rural é o que poderiamos chamar rururbano ou periurbano, co que finalmente xente LGTBI do rural estamos vencellados coas cidades, facemos activismo entre rural e cidade... Hai como unha impronta rural mais o rural está sufrindo desde hai tempo abandono, emigración, avellentamento... Por iso é difícil atopar xente LGTBI que non estea vinculada á cidade.

 

- Calquera lugar do rural galego ten unha cidade ou vila grande relativamente perto...

 

O que nós queremos poñer en valor é que hai uns vínculos rurais, que hai unha praxe, unha cultura que vai polo camiño do decrecemento, do non consumismo, de vencellos comunitarios. A cultura do común. Non se trata de poñelo como idílico (ri) mais este tipo de cuestións están máis vivas no espazo rural que no urbano.

 

- O Foro contará coa presenza de activistas de diferentes lugares e cun programa que transcende o que é exclusivamenmte a ‘cuestión’ LGTBI...

 

Cando dicimos que este foro é pioneiro en Europa non o dicimos no sentido de que é a primeira acción deste movemento no rural, xa se fixeron outras antes, e en Galiza. O que é pioneiro é que un sindicato agrario  faga unhas xornadas así e que asuma este Foro. Van vir representantes de Vía Campesiña falar de como se introduce a cuestión LGTBI no movemento internacional, estará unha compañeira do ámbito rural vasco que nos explicará os debates que se están a dar alí; unha compañeira de Catalunya falaranos de como está a cuestión LGTBI na axenda catalá. Neste sentido, o enfoque é pioneiro, mesmo poderiamos dicir que a nivel europeo.

 

- A este Foro ides cunha serie de obxectivos ou tarefas que queredes facer...

 

- Temos cinco obxectivos principais, por chamarlles así: socializar a idea de que o rural é diverso, que ten vida e futuro é un deles. Outra é visibilizar as posibilidades que ten o rural para proxectos populares e para os activismos. Máis un obxectivo é desurbanizar a axenda LGTBI, así como tecer alianzas estratéxicas entre sindicatos agrarios, ecoloxistas e LGTBI. A soberanía alimentar, o agroecoloxismo, é outra das cuestións con presenza neste Foro.

 

Queremos rachar con esa dinámica de quen di son activista LGTBI e non saio de aí. Nós tratamos de poñer en valor a intersección de activismos, non esquecer que ademais de LGTBI somos rurais, somos galegas, que temos unha lingua propia, un vínculo comunitario coa terra, que temos inquedanzas polo noso entorno.Non é simplemente: “Son gay e xa está”. Non, está todo vinculado, non debemos afastar a cuestión sexual da cultural, da ecolóxica, etc...

 

- Foi historicamente a Galiza rural máis permisiva coa homosexualidade que as cidades?

 

Eu teño unha opinión persoal ao respecto, pero é un tema no que hai un debate moi aberto e no que hai diferentes relatos. No rural, mesmo na ditadura, había moitos máis espazos de fuga que na cidade. Por ese vínculo comunitario e tamén porque o poder en certo sentido o deixou de lado. No rural había máis espazos onde non había tanto control: foliadas, por exemplo.

 

A priori preséntasenos o rural como un sitio onde hai moita máis represión sexual mais non é certo. Carlos Callón ten un libro no que fala de dous homes que casaran no século XI. Cando se fala de Elisa e Marcela [mulleres que casaron en 1901] non se fai fincapé abondo en que eran mestras en espazos rurais. Sempre houbo esa pegada LGTB no rural galego e hai veces como que se pretende facer caricatura con esta cuestión, dicindo que nunca houbo prácticas sexuais alternativas á heterosexual. E iso é mentira, sempre as houbo. Ao pouco que rastrees, ves a pegada.

 

- Por que acudir a este Foro?-

 

- Vai ser un punto de encontro pioneiro, onde entre todas imos facer alianzas e ver que se pode facer para que na Galiza do século XXI no rural haxa cada vez máis sexodiversidade e que a cuestión LGTBI se sume tamén a facer un rural vivo e diverso.