Este é o nivel de incidencia en ‘La Coruña’ e nos lugares que máis preocupan ao Sergas

O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, xunto a José Flores, xerente do Segas e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, nunha foto de arquivo. (Foto: Arxina).

A Consellaría de Sanidade comunicou na mañá da sexta feira as novas medidas acordadas polo comité clínico que analiza a evolución da pandemia na Galiza e, previamente, para xustificalas, ofreceu os datos de incidencia que máis preocupan. Ocupouse de comunicar os datos Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública, en castelán e deturpando topónimos.

A que fora xerente do Hospital da Mariña, situado en Burela, Carmen Durán, foi a encargada de dar conta dos datos de incidencia da Covid-19 nos puntos que máis lle preocupan á Consellaría de Sanidade na Galiza. Fíxoo como directora xeral de Saúde Pública, cargo que ocupa a raíz das mudanzas que supuxo a chegada de Julio García Comesaña a este departamento.

En castelán e deturpando topónimos en varias ocasións -foi significativo o uso reiterado do nome ilegal La Coruña para se referir á Coruña-, Durán informou de que o nivel de incidencia na Galiza é, a sete días, de 154,76 por cada 100.000 habitantes, unha cifra que a semana pasada se atopaba en 137, e de 265,98 a 14 días. A media estatal, afirmou, atópase en 227 por cada 100.000 habitantes nos últimos sete días e en 452 nos últimos 14 días.

Sobre estas cifras baseou o comité clínico a decisión de estabelecer medidas restritivas máis duras.

A incidencia, salientou, concéntrase principalmente nas cidades.

Deu o dato da comarca da Coruña: 79,3 por 100.000 habitantes nos últimos sete días e 129 nos últimos catorce. A Coruña cidade conta con 129 nos últimos sete días e con 227 nos últimos 14. En Arteixo, nos últimos 14 días, dixo rexistráronse 78 casos.

Tamén salientou o caso de Vimianzo, cuxa evolución preocupa ao Sergas. Nos últimos sete días hai 50 novos casos.

A respecto da comarca de Compostela, asegurou que xa se percibe o efecto das medidas adoptadas, mais a incidencia segue a ser alta. Citou o caso da capital, cunha incidencia de 234 nos últimos sete días e de 457 nos últimos 14 días.

Na comarca de Ferrol a incidencia está en 284 nos últimos sete días e en 393,5 nos últimos 14.

En relación a Lugo, situou a incidencia a sete días de 204, cando a semana pasaba a incidencia acumulada a sete días era de 134.

A respecto da comarca de Ourense, puxo de manifesto que as restricións aplicadas “están dando os seus froitos”, aínda que non se está, dixo, en niveis óptimos”. Segue a ter unha incidencia a sete días de 153 e a catorce días de 295.

As novas noticias, salientou, veñen da man da comarca de Verín. Expuxo que hai unha semana a incidencia a tres días (aquí non ofreceu o dato de sete días) era de 129 e agora é de 99 e a incidencia acumulada a 14 días hai unha semana era de 192 e agora é de 156.

No Carballiño, a incidencia acumulada a sete días baixou dos 117 da semana previa aos 72 e a incidencia acumulada a 14 días pasou de 240 da última semana a 189.

En relación á comarca de Pontevedra, ofreceu as cifras da cidade. A semana pasada a incidencia acumulada a sete días era de 140,5 e na actualidade a incidencia acumulada a sete días é de 206.

Sobre Vigo, afirmou que a cidade "preocupa". O nivel de incidencia pasou de 115 a 176 (non informou de se se trataba da acumulada a sete días ou a 14).