Nin toque de recoller, nin feche perimetral: así prosegue a desescalada

Os bares poderán abrir até as 23 horas; os restaurantes, até a 1 (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Sanidade encoméndase á Xustiza para prohibir nos concellos do nivel máximo a mobilidade nocturna e os desprazamentos a outros municipios. Aliás, tentará evitar as reunións entre non conviventes tras a hora de fechamento da restauración en toda a Galiza.

"Esta fin de semana só remata o estado de alarma, non a pandemia". Con estas verbas dirixiuse nesta quinta feira á cidadanía galega o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para anunciar as restricións que entrarán en vigor tras o decaemento do estado de alarma e que, de agora en adiante, deberán ser aprobadas previamente polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

O líder do Executivo dedicou os dez primeiros minutos da súa intervención a culpar o Goberno de Pedro Sánchez da "situación de incerteza" en que se sumirá Galiza a partir da madrugada do domingo: "O Estado desenténdese da pandemia, nin fai nin deixa facer e os xuíces deberán actuar agora como epidemiólogos", dixo, en alusión ao decreto-lei aprobado polo Consello de Ministras e Ministros na terza feira, que prevé que os territorios que integran o Estado poidan recorrer ante o Tribunal Supremo as decisións que adopten cadanseus tribunais superiores. O obxectivo do Goberno estatal é "unificar criterios" e que este órgano xudicial poida "arbitrar" na limitación dos dereitos fundamentais. Porén, o propio Supremo alertou na quinta feira dunha "posíbel insuficiencia ou inadecuación" do decreto para regular as restricións pola pandemia.

Así as cousas, Galiza afrontará esta nova etapa da desescalada nun momento no que os contaxios diarios da Covid-19 manteñen unha tendencia á alza. Segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos das 18 horas da cuarta feira, Galiza rexistra 225 novos positivos (36 máis que na xornada anterior), malia comezar a semana con 103. Aliás, a taxa de positividade das probas PCR repunta a 2,97%, cunha suba constante nas últimas datas malia ficar aínda por baixo do limiar de 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Aumentan tamén os casos activos a 3.072 (+11), ao haber máis altas que baixas nas últimas 24 horas. Pola contra, baixa levemente a incidencia acumulada a 7 días (41 casos por cada 100.000 habitantes) e a 14 (95).

Tamén caen os internamentos hospitalarios derivados da Covid-19, deixando un total de 48 doentes na UCI (sen cambios) e 149 en unidades convencionais (-3). Entre eles atópanse cinco mariñeiros do buque Prometheus Leader, que fica atracado no porto de Vigo en corentena tras detectarse, até o momento, oito casos da variante india.

A predominancia desta nova cepa do coronavirus mantén en alerta as persoas expertas. Os servizos sanitarios confirmaron nas últimas horas un novo caso, unha persoa que aterrou en Vigo, tras facer escala en Madrid, procedente de Nova Delhi. Así mesmo, cómpre lembrar que nove de cada dez contaxios na Galiza son da variante británica. Tamén se teñen detectado as dúas brasileiras e a surafricana.

"Malia as incertezas que temos a nivel sanitario e legal, o Comité [reunido na mañá desta quinta feira] decidiu seguir avanzando nun proceso de apertura gradual e medido", sostivo o presidente.

Limitacións á mobilidade

O toque de recoller desaparecerá na madrugada do domingo. Co gallo de "facilitar a transición", a limitación da mobilidade nocturna atrasarase o sábado ás 00 horas, "para que enlace coa fin do estado de alarma". Tamén perderá a vixencia o fechamento perimetral da Galiza de cara ao exterior, polo que poderá entrar ou saír do país calquera persoa, sexa cal for o seu lugar de procedencia, a excepción dos países que o Ministerio de Exteriores exclúa por mor dunha eventual alta incidencia da Covid.

Núñez Feixoo asegurou que a Xunta reforzará o rexistro de viaxeiros. Todas as persoas que visiten Galiza deberán inscribirse e someterse a unha proba PCR, agás se dispoñen dun certificado de vacinación. Aliás, nos tres aeroportos seguirán activos os puntos de cribado.

Con todo, a Xunta avoga por manter tanto o toque de recoller como o fechamento individual nos concellos que estean no nivel máximo de alerta sanitaria (hoxe Cambados, Cualedro, Laza, Vilagarcía e Vilanova de Arousa). No resto do país permitirase calquera desprazamento, mais os municipios que suban a este nivel pola incidencia da Covid-19 recuperarán o toque de recoller e o fechamento.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou o Goberno galego a manter Galiza fechada para "non botar por terra" o "esforzo realizado polas galegas e galegos" para conter a pandemia: "Sería incoherente que non se poida viaxar de Padrón a Compostela e poidan vir cidadáns de Madrid ou Euskadi", censurou, e reprochou Núñez Feixoo que non tivese aprobado aínda o decreto coas medidas que regularán a desescalada e que, pola contra, a Xunta anunciase durante a pandemia medidas recollidas "in extremis" no DOG, o que cualificou de "prexuízo" para os sectores afectados.

Hostalaría

Os bares e cafetarías poderán abrir en todo o país (agás nos concellos do nivel máximo) até as 23 horas, e os restaurantes até a 1, sempre que conten coa licenza de local de restauración, rexistren as e os comensais e dispoñan dun medidor de CO2 para controlar a calidade do aire. Nos municipios que estean no nivel alto, como viña sendo habitual, tanto bares coma restaurantes poderán atender só nas terrazas, cunha capacidade de 50%; no nivel medio, a 50% no exterior e 30% no interior, e no baixo, a 75% e 50% respectivamente.

A respecto desta medida, Pontón criticou a "discriminación horaria" que supón en función da licenza, e pediu unificar os horarios dun sector que "demostrou unha enorme responsabilidade" e foi "un dos máis afectados" pola pandemia.

Reunións sociais

As xuntanzas entre non conviventes seguirán prohibidas nos concellos do nivel máximo, e limitadas a seis persoas en espazos exteriores e a catro no interior no resto do país. Porén, a Xunta quere prohibilas, tanto en lugares públicos coma en domicilios, entre a 1 e as 6 horas, coincidindo co horario de fechamento da hostalaría.

Todas estas propostas, dixo o presidente, publicaranse na sexta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) e remitiranse ao TSXG. De ser aprobadas, entrarían en vigor no momento en que expire o estado de alarma, ás 00 horas do domingo.

Residencias

Por outra banda, nos concellos de nivel baixo e medio as e os residentes en centros de maiores poderán marchar coas súas familias durante un mínimo de cinco días, e ao seu regreso serán sometidas a unha proba PCR. Aliás, nas visitas ás residencias permitirase o contacto físico, e as saídas serán até cinco por semana de catro horas cada unha. Nos centros de día con máis de 90% de usuarios vacinados, así mesmo, estes poderán pasear pola contorna.

O Comité está a estudar a evolución do surto na residencia DomusVi de Chantada, que desde a semana pasada suma 11 residentes e dúas traballadoras contaxiadas. A este respecto, Paulino Campos, presidente da Federación REDE, denunciou nesta quinta feira que as e os usuarios deste centro levan sete días de "illamento total nas habitacións", unha cuestión que levará ante a Valedora do Pobo pola "vulneración sistemática dos dereitos das persoas maiores" e o incumprimento do protocolo Covid para as residencias, que insta a estabelecer zonas comúns para usuarias sas e outras para as infectadas para que todas poidan moverse libremente.

Por último, os casos da Covid-19 nos centros de ensino repuntan lixeiramente a 631 (+22), e seguen fechadas 34 aulas (-8) e a Escola Infantil Unitaria de Cerdedo (sen novidades).