A Xunta anula o toque de recoller agás en 5 concellos, levanta o feche perimetral da Galiza e amplía horarios hostalaría

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
O presidente informa do escenario no que entra Galiza após a desaparición, o día 9, do estado de alarma. Os horarios ampliaranse en hostalaría até as 23 horas en bares e até a 1 en restaurantes. As restricións propostas teñen que ser validadas polo TSXG.

A Xunta activará o nivel baixo de restricións en practicamente toda Galiza, o que implica maior capacidade e liberdade de horarios en hostalaría (até as 23 horas en bares e até a 1 en restaurantes). Decae o toque de recoller e finaliza o fechamento perimetral da Galiza. Así o anunciou Núñez Feixoo esta quinta feira na súa comparecencia após a xuntanza extraordinaria do comité clínico

O que si vai haber, anunciou, é un peche perimetral nos concellos en nivel máximo de risco, nos que está actualmente 5 concellos: Padrón, Cambados, Laza, Cualedro e Vilanova de Arousa. Neses municipios tamén se manterá o toque de recoller ás 23:00 horas. Para iso, requirirase unha autorización xudicial, que se solicitará ao TSXG, motivándoo pola alta incidencia de risco. Se algún concello supera os limiares de incidencia de risco extremo, entraría automaticamente nestas restricións de toque de recoller e fechamento perimetral. Estes 5 concellos están en nivel máximo de restricións. 

As novas normas publicaranse esta sexta feira e as restricións propostas teñen que ser validadas polo TSXG

O seguinte nivel, nivel alto: Hostalaría só terrazas e reunións de 4 persoas no interior e 6 exterior, medidas que deben ser ratificada polos tribunais. Aquí están os concellos da Merca, Pastoriza, Marín, A Laracha, Gondomar, Salceda de Caselas, Mesía, Ribeira e Coristanco.

Concellos en nivel medio28  concellos. A hostalería ao 30% no interior e 50% no exterior e limitación de 4 persoas interior e 6 no exterior.

O resto da Galiza fica en nivel medio-baixo. Son 271  concellos, onde habita 70,8 % da poboación galega: non haberá toque de recoller nin peche perimetral, mantéñense as capacidades.

Feixoo adianta que a intención é que tamén os bares deban ter no seu interior un medidor de CO2

En canto ao pechamento perimetral da Galiza, Feixoo afirmou que é unha das cuestións que máis preocupan ao expertos e anticipou que se reforzará o rexistro de viaxeiros. Deberán anotarse aqueles que veñan de zonas de alta incidencia. Se viaxan con certificado de vacinación só terán que certificar que están vacinados e non se lles fará proba. Seguirán en vigor os  cribados nos aeroportos.

Toque de recoller

O toque de recoller elimínase a partir das 00:00 do sábado ao domingo. O toque estenderase até a media noite para evitar como ir a casa ás 23:00 horas do sábado e poder saír á medianoite.

En canto ás xuntanzas, estas limítanse nas casas e tamén na rúa a partir da unha da madrugada a persoas conviventes. Para aprobar isto, a Xunta tamén terá que solicitar autorización xudicial. 

Menos ferramentas

"A partir do 9 de maio imos afrontar o mesmo risco (de pandemia) mais con peores instrumentos para xestionalo", afirmou Núñez Feixoo . O presidente galego lamentou que "semella que non aprendemos nada" e criticou que se vaia a un escenario no que hai que xestionar a pandemia "como se estivésemos no principio de todo".

Feixoo di que o novo escenario implica "incertezas". Sinalou, así, o toque de recoller ou a fin dos fechamentos perimetrais. "Non hai garantías de que sexan posíbeis (mantelos)", dixo, e afirmou que hai "inquedanza" na maioría dos presidentes das comunidades, "de diferentes cores políticas". Acusou o Goberno español de "non escoitar" e lembrou que levou aos tribunais a Lei de Saúde. 

Situación

A situación epidemiolóxica permite “unha maior amplitude de horarios”, indicaba o propio Feixoo esta semana, que chamou a “estar preparados para un levantamento do estado de alarma, que se vai producir o domingo, e para o levantamento do toque de recoller", que decaerá nesa mesma data despois de reinstaurarse a finais de outubro.

Amais, Feixoo adiantaba que os servizos xurídicos da Xunta están investigando "que se pode facer sen estado de alarma e sen lexislación específica naqueles concellos de risco extremo", para evitar a expansións dos gromos que se puideran producir.