Nin Risga, nin Ingreso Mínimo Vital, colectivos demandan á Xunta a renda básica universal

Manifestación do Foro Galego da Emigración (Foto: FGE).
As asinantes denuncian que as fendas no dereito a vivenda ou na lei de dependencia da Galiza.

Unha renda básica "suficiente, incondicional, universal" e de "pleno dereito" para toda a cidadanía, incluída aquela excluída da Renda de Inclusión Social da Galiza (a Risga) ou do Ingreso Mínimo Vital aprobado polo Goberno estatal. É un dos obxectivos da campaña iniciada por colectivos sociais baixo o lema "Nin Risga, nin Ingreso Mínimo Vital, renda básica xa" e presentada onte en Compostela, Vigo e A Coruña. 

A iniciativa conta co apoio do Foro Galego de Inmigración, Colectivos pola Renda Básica Universal, SOS Racismo Galiza, a Oficina de Dereitos Sociais de Coia en Vigo ou o Colexio de Educadoras Sociais da Galiza, entre outras. As asinantes denuncian que a pandemia deixou en evidencia a "inacción" do Goberno galego ante a crise social e económica da cidadanía.

As organizacións lembran que os colectivos migrantes contribúen a soster "actividades esenciais" no ámbito dos coidados ou da agricultura mentres se ven privados do acceso a prestacións sociais. Tamén, que o confinamento visibilizou a cantidade de persoas que viven na rúa e como persisten os problemas de acceso á vivenda.

"A Administración galega leva anos fechando os ollos ante esta realidade e os datos falan: a construción de vivenda protexida na Galiza caeu a mínimos históricos nos últimos anos, en 2019 rexistrouse a segunda cifra máis baixa desde que se iniciou o reconto de vivenda libre e protexida en 1991", advertiron as entidades na convocatoria da campaña.

Alén das prestacións anunciadas polo Goberno estatal e a propia Risga, cuxa compatibilidade coa primeira será decidida polo Parlamento conformado tras as eleccións, colectivos asinantes como a ODS Coia criticaron as tarxetas para alimentos anunciadas polo presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feixoo, que cualificaron de "faragullas". 

Modelo residencial

As entidades sinalaron as fendas do actual modelo de atención á dependencia. "6.400 persoas agardan na Galiza polas prestacións por dependencia que solicitaron", avanzaron, salientando que "395 persoas morreron na Galiza na lista de agarda da dependencia". Ademais, criticaron a situación vivida nas residencias de maiores con contaxios por coronavirus e o actual modelo residencial.