Nin "exilio" nin "castigo": especialistas do hospital da Mariña piden reforzos estábeis

A veciñanza dos 14 municipios da Mariña ten no hospital de Burela o seu centro de referencia, mais sen prescindir do HULA. (Foto: Nós Diario)
Profesionais e colectivos en defensa da sanidade pública sinalan eivas en saúde mental, radioloxía e medicina interna ademias doutros servizos cuxa continuidade ou accesibilidade muda en función das ausencias de persoal. Reivindican os hospitais periféricos, así como incentivos profesionais e laborais suficientes para que os comarcais sexan unha escolla voluntaria, nunca unha imposición.

Perto de 70.000 habitantes da Mariña teñen como centro de referencia o hospital de Burela. É un dos sete comarcais da Galiza, tamén denominados periféricos. "É un hospital illado pola falta de infraestruturas" e a perda servizos públicos, precisa o sanitario e activista da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña Adolfo Corral.

Segundo explica a Nós Diario, nos últimos anos "houbo un crecemento en metros cadrados e as fachadas locen máis bonitas, pero gañamos en servizos? Non. Este hospital non ten capacidade para resolver a demanda sanitaria da Mariña", conclúe.

A día de hoxe, profesionais deste distrito sanitario e membros da plataforma destacan eivas en catro grandes especialidades: saúde mental, medicina interna, radioloxía e, até hai pouco, coidados paliativos e hospitalización a domicilio (HADO), dous servizos ao cargo do mesmo equipo.

O que pretende a Consellaría é secuestrar internistas para que ocupen postos nos hospitais periféricos, pero a imposición non é ningunha solució

"Falamos dun servizo moi sensíbel que está na corda frouxa se non se dota de persoal formado e estabilidade", afirma Montse Porteiro, voceira do colectivo en defensa da sanidade pública da Mariña. "Son tres profesionais, normalmente están dous e vimos dunha tempada con un só" que deixou sen atención domiciliaria 10 dos 14 concellos da comarca; todos salvo Burela, Cervo, Foz e Xove, os primeiros en entrar no programa piloto de HADO.

"O servizo naceu para dar asistencia a toda a comarca", afirma Adolfo Corral, quen pide asegurar persoal suficiente ante calquera incidencia, para evitar sobrecargar os profesionais de Atención Primaria cun traballo que non lle corresponde mais para impedir "unha discriminación grave" entre doentes no final da súa vida.

Anatomía patolóxica 

Adolfo Corral resume a situación noutros tres servizos chave para garantir unha saúde de calidade na comarca. En primeiro lugar nomea unha "especialidade esencial, esquecida polo feito de non ter atención directa ao paciente". Fala de anatomía patolóxica. "A carga de traballo cirúrxico do hospital de Burela requiriría a presenza de tres patólogos a tempo completo, mais só temos un a media xornada", un déficit, di, que obriga a derivar a Lugo mostras "irrecuperábeis en caso de extravío" e que entorpece a detección precoz de patoloxías que poden chegar a comprometer a vida dos pacientes.

Radiólogos e internistas

Ademais, sinala as carencias en radioloxía e medicina interna que afectan a todos os hospitais da Galiza. No primeiro caso, de cinco prazas estruturais, "só dispomos de dúas, tres no mellor dos casos", o que deixa unhas listas de espera "brutais" pola falta de radiólogos. En medicina interna, "de nove especialistas, só catro están á fronte do servizo cun estrés incríbel".

Hai tres anos non contrataban a ninguén e a xente marchou a outros territorios ou á privada

"O que pretende a Consellaría é secuestrar internistas para que ocupen postos nos hospitais periféricos, pero a imposición non é ningunha solución", apunta Corral en referencia aos contratos de longa duración que ofrece a Xunta con estadías de até catro meses nos comarcais. Cómpren medidas que melloren as condicións laborais e profesionais para que o persoal médico "queira vir e quedar", afirma. "Non se pode tratar isto como se fose o exilio ou un castigo nun hospital de segunda. Trátase de ofrecer estabilidade e incentivos por igual a todos os profesionais e continuidade aos doentes", conclúe un especialista que elixiu facer vida na Mariña.

"A centralización de recursos en saúde mental non axuda"

A unidade de saúde mental da Mariña, localizada no centro de saúde de Burela, conta neste momento só con un dos tres psiquiatras asignados, o que deixa unha consulta baleira, o equipo de continuidade de coidados sen persoal médico e polo menos "medio millar de doentes sen cita". "O Sergas di que non hai psiquiatras e é certo. Pero hai que botar a vista atrás para entender por que. Hai tres anos non contrataban a ninguén e a xente marchou a outros territorios ou á privada", afirma persoal desta unidade.

"Mais nas listas de contratación de psicoloxía hai profesionais. Non teñen escusa para non incrementar os cadros que necesitamos para reforzar a psicoterapia e reducir a sobremedicación". A próxima segunda feira comezará unha segunda psicóloga clínica. Pero non abonda, din, e a centralización de recursos como a unidade de prevención do suicidio, psiquiatría e hospital de día infantoxuvenil en Lugo "tampouco axuda".