A primeira hora deste domingo, Nieves Cabo, a muller de 82 anos que o pasado 27 de decembro fixo historia ao recibir a primeira dose da vacina de Pfizer-BioNTech na Galiza, vén de convertese na primeira galega inmunizada contra a Covid-19.
Que non deixen de vacinar, que é unha cousa marabillosa
Esta residente do centro de maiores Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, completou a inmunización contra o coronavirus, "o bicho", como di ela, 21 días despois de serlle administrada a primeira dose, como estabelecen os protocolos de vacinación.
"Que non deixen de vacinar, que é unha cousa marabillosa", manifestou tras ser vacinada por un equipo de enfermaría do Servizo Galego de Saúde pouco despois das oito da mañá, quen, despois de manifestar que se encontraba moi ben, animou á xente á vencer calquera reticencia fronte ao antídoto "e levar a vacina".
Segunda fase: inmunización
A continuación, completaron o ciclo de vacinación tres profesionais da residencia Porta do Camiño, para as que tamén estaba prevista a segunda dose do antídoto.
Desta forma, comezou a segunda rolda de vacinación nas residencia de maiores e polo tanto, o proceso de inmunización dos grupos de poboación diana prioritarios, o persoal residente e profesional dos centros sociocomunitarios, que a Consellaría de Sanidade prevé finalizar no mes de febreiro.