Case 78% das interrupcións voluntarias de embarazo foron realizadas na privada

Mobilización no Día da Acción Global por un Aborto Legal e Seguro, o 28 de setembro. (Foto: Europa Press)
A Sociedade Galega de Contracepción denuncia o progresivo desmantelamento dos Centros de Orientación Familiar por parte do Sergas e as desigualdades no acceso a este tipo de centros dependendo de onde residan as mulleres que queiran abortar. Nós Diario conversa co seu presidente, Javier Valdés, para coñecer esta situación.

Na Galiza realizáronse en 2021 un total de 2.284 interrupcións voluntarias de embarazo, 206 menos que en 2020 (2.490), situándose como o territorio do Estado español con menor taxa de abortos voluntarios (5,37%) despois de Ceuta e Melilla. Así o recolle o Rexistro Estatal de Interrupcións Voluntarias do Embarazo con datos respectivos ao ano 2021 e que vén de publicar o Ministerio de Sanidade

Do total de abortos voluntarios realizados no país en 2021, case 78% foron practicados na sanidade privada -case un punto máis que en 2020-, dos cales a gran maioría (1.735) decorreron en centros extrahospitalarios pertencentes a grupos empresariais. Das 2.284 interrupcións voluntarias de embarazo, só 69 se levaron a cabo en hospitais públicos.

Tendo en conta estes datos, o especialista en xinecoloxía e presidente da Sociedade Galega de Contracepción (Sogac), Javier Valdés, explica a Nós Diario que cando se deseñaron os actuais Centros de Orientación Familiar (COF) estaban vinculados á Atención Primaria pero desde hai uns anos pasaron a rexerse polos hospitais. “Somos unha ponte entre ambas, polo que tamén nos vemos moi afectados polo esquecemento severo da Primaria”, indica Valdés, que traballa no COF de Vigo. “Desde os últimos 20 anos o Sergas e a política da dereita galega esquecéronse por completo da planificación familiar e, desde entón, levan estimulando, de forma cada vez máis descarada, a [sanidade] privada”. 

Valdés explica que as derivacións das interrupcións voluntarias dos embarazos á privada son habitualmente xustificadas polos problemas no apoio hospitalario que implican o resto de equipos necesarios nestes procesos -como anestesistas e persoal de enfermería- polo que "o máis cómodo" era derivar estes casos ás clínicas. “Ten que ser o propio sistema sanitario público” quen se encargue de todas as intervencións, sostén Valdés, e engade que “a xente prefire a sanidade pública, porque lle dá máis garantías, máis seriedade e sabe que cobre todas as complicacións”, xa que, se nunha destas intervencións [na privada] pasa algo, son os hospitais públicos os que solventan calquera posíbel problema. 

Se ben as derivacións á privada resultan especialmente rechamantes no caso do aborto, o doutor sostén que isto sucede porque é un tema importante e de plena actualidade, mais que tamén ocorre con outras intervencións, como as vasectomías ou as operacións de articulacións. “En vez de mellorar o sistema público -que podería encargarse de case a totalidade das intervencións- subvencionan as entidades privadas”.

Desigualdades no acceso aos COF

Desde a Sogac denuncian o “desmantelamento” dos Centros de Orientación Familiar por parte do Sergas. Nos últimos dez anos, o total de COF reduciuse á metade, existindo actualmente sete centros en todo o territorio galego centralizados nos hospitais principais de cada área sanitaria. Isto, critican, xera grandes desigualdades en canto ás posibilidades que teñen as galegas de acudir a un centro perto do seu lugar de residencia. “Se unha muller vive nunha área urbana ten máis fácil o acceso á información sobre o aborto que se vive no rural”.

Valdés explica que os COF realizan interrupcións de embarazo cando a xestación é inferior ás 14 semanas -período no que non é preciso dar explicacións sobre esta decisión- e entre as 14 e as 22 semanas -período no que se precisa un informe médico xustificando unha enfermidade (tanto materna como do feto) que poida pór en perigo a saúde da muller-. Estas intervencións fanse habitualmente de maneira farmacolóxica. Pero por enriba das 22 semanas, a interrupción do embarazo resulta máis complicada e só se realiza nos hospitais. Porén, se unha muller embarazada de menos de 14 semanas prefire someterse a unha interrupción con anestesia, todos os hospitais derivan a un dos dous centros privados que existen na Galiza (un en Vigo e outro na Coruña) este tipo de intervencións.

Desde a Sogac denuncia tamén a desigualdade no acceso a métodos anticonceptivos de alta eficacia. Os implantes hormonais subcutáneos, por exemplo, chegan a custar máis de 100 euros, unha cantidade que non moitas mulleres poden asumir. “O Estado debe financiar estes métodos” e de maneira “homoxeneizada”, permitindo que en calquera lugar da Galiza se poida acceder a eles, sinala Valdés. 

Perfil das mulleres que deciden abortar

A pesar da imaxe que habitualmente se ten das mulleres que deciden abortar -novas e sen traballo- a media de idade das galegas que interrompen o seu embarazo é superior aos 30 anos, segundo asegura Valdés. Esta aproximación coincide cos datos de Sanidade, nos que se mostra que o grupo de idade no que máis intervencións se practicaron en 2021 foi no comprendido entre os 35 e os 39 anos -cun total de 499-. O doutor asegura que non hai un perfil específico, mais si situacións comúns.

Os principais factores que inflúen na decisión son un recente despido, unha maior focalización no traballo ou a existencia de fillos previos. “Nós sempre lles preguntamos ás mulleres que farían se recibisen un soldo mensual para manter a súa crianza até que cumprise os 18 anos, e a metade responde que continuarían co embarazo”, explica Valdés, “iso demostra que o principal motivo de que as mulleres aborten é o económico”.

"As institucións non mostran interese"

O xinecólogo e presidente da Sogac, Javier Valdés, sostén que “a lei de 2010 sobre saúde sexual e reprodutiva e de interrupción do embarazo recolle que Sanidade debe achegar todos os medios para que esta norma se cumpra”. Porén, as institucións “non mostran interese” neste tema. “Hai centros que só teñen unha matrona, outros que teñen unha xinecóloga e unha traballadora social; hai unha gran variedade”. Así sostén que os COF subsisten porque “alguén ten que practicar os abortos para cumprir a lei”.