70% do territorio galego supera os niveis máximos de radon fixados pola UE

O investigador e catedrático da USC de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Alberto Ruano Raviña. (Foto: Europa Press)
O gas radon é un gas radioactivo a cuxa exposición aumentan as probabilidades de desenvolver un cancro de pulmón. Este gas canceríxeno está moi presente de maneira natural na Galiza, polo que as persoas expertas advirten da necesidade de levar a cabo medicións para controlar o seu nivel de concentración. Un dos maiores especialistas no tema é o investigador Alberto Ruano, quen explica a Nós Diario os perigos do gas.

O radon é un gas nobre, incoloro, inodoro, insípido e de carácter radioactivo. Este gas fórmase de maneira natural pola desintegración do uranio presente no chan e nas rochas, principalmente o granito, moi común no conxunto do Estado español e en particular na Galiza. Así, o radon é a fonte natural máis importante na exposición á radiación ionizante

A Organización Mundial da Saúde (OMS) indica que este gas resulta canceríxeno para as persoas que se expoñen a altas concentracións de radon, pois cando este pasa ao aire, é inevitábel inhalalo ao respirar. Unha vez dentro do corpo, o gas fíxase aos tecidos do pulmón e desintégrase emitindo partículas que poden danar as células.

Este proceso resulta perigoso en canto ao desenvolvemento de cancros de pulmón. Por este motivo, tanto as diferentes entidades sanitarias como a comunidade científica advirten da necesidade de medir a cantidade de radon presente nas vivendas e nos postos de traballo.

O radon na Galiza

O catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Alberto Ruano, explica a Nós Diario que “segundo os datos dos que dispón o Consello de Seguridade Nuclear, o 70% do territorio galego presenta unha elevada probabilidade de ter concentracións altas de radon”.

O 70% do territorio galego presenta unha elevada probabilidade de ter concentracións altas de radon

Así o informou o experto durante o I Simposio Estatal de Radon Laboral decorrido a semana pasada na USC, advertido de que nesa extensa superficie da Galiza supéranse os 300 becquerelios por metro cúbico (Bq/m3) de concentración do gas, xusto o límite máximo permitido na lexislación laboral para evitar os efectos canceríxenos que provoca o radon. 

“A directiva europea de 2014” fronte ás radiacións ionizantes “recolle que as persoas traballadoras e habitantes da UE non poden expoñerse a unha concentración superior aos 300 Bq/m3 nin nas súas vivendas nin nos seus postos de traballo”, sostén Ruano. Así, na Galiza toda vivenda nova debe estar construída a proba de radon. Porén “no noso laboratorio, o único acreditado no país, non notamos ningún aumento de medición de radon nas vivenda de recente construción”.

Isto pode resultar perigoso pois o radon “é un carcinóxeno humano que produce cancro de pulmón”. Con todo, “non todas as persoas expostas a este gas desenvolven un cancro, mais si existen máis posibilidades de que ocorra”, sostén Ruano. O experto indica que na Galiza levan elaborando moitos estudos ao respecto co obxectivo de reducir o contacto co radon, como substancia de risco, nos postos de traballo.

O gas radon é un carcinóxeno humano que produce cancro de pulmón

“Na Galiza temos un mapa de radon do territorio que conta con 4.330 medicións e que esperamos subir a cifra até 5.700 antes de final de ano”, expón o experto. Tendo en conta que o mapa do Estado español presenta un total de 12.000 medicións, na Galiza “estamos en vantaxe en canto á caracterización deste gas”.

Ruano engade que “temos acumulado moito coñecemento e coido que é o momento de que ese coñecemento sexa aproveitado por entidades públicas e privadas para poder actuar fronte a este carcinóxeno”. Con todo, isto cómpre facelo “sen alarmismo”, indica, “debemos informar pero sen crear alarma” entre a poboación.

Alberto Ruano afirma que “debemos informar pero sen crear alarma”

Para evitar o contacto co gas radon, o catedrático asegura que as administracións deben regular a posibilidade de que os pequenos negocios poidan acceder ao proceso de redución de radon nos seus centros pois, se ben a medición dos niveis deste resulta barata, reducir a concentración do gas ten un custo importante que é posíbel que as empresas con poucos ingresos non poidan asumir. 

Ademais, engade que as medicións de radon debe realizalas laboratorios avalados pola Entidade Nacional de Acreditación, como así o recolle a lexislación. “Nós fomos o segundo laboratorio do Estado español e conseguir esta acreditación demostrando a competencia técnica precisa”, indica Ruano.