A neve corta a circulación na A-6 desde Noceda até Portela de Valcarce

Vehículo da Garda Civil nun camiño nevado o pasado 23 de febreiro en Pedrafita do Cebreiro (comarca dos Andares). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A meteoroloxía adversa tamén dificulta a circulación na A-52 desde o quilómetro 112 na Canda ao 128 na Gudiña, en ambos os sentidos

A neve cortou a circulación na A-6 desde o municipio Noceda, no Incio (comarca de Sarria) até Portela de Valcarce, en Castela e León. Segundo informou a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a incidencia rexístrase desde o quilómetro 438 en Noceda até o 418 en Portela de Valcarce, en ambos os sentidos.

Tamén, na mesma autovía, a DXT advertiu de que, desde o quilómetro 438 en Noceda até o 475 en Veiga de Anzois, no Corgo (comarca de Lugo), en ambos os sentidos, débese extremar a precaución.

Pola súa banda, na A-8 o vento provoca condicións difíciles para a circulación entre os quilómetros 536 en Veiga de San Tomé, en Lourenzá (A Mariña) ao 552 no Someiro, en Abadín (A Terra Chá), en ambos os sentidos.

A neve tamén está a afectar a circulación na A-52, onde complica a circulación desde o quilómetro 112 na Canda, na Mezquita (comarca de Viana) ao 128 na Gudiña, en ambos os sentidos.

Estradas secundarias

En canto ás estradas secundarias, na LU-633 hai alerta por circulación irregular en Pedrafita (Os Ancares), desde o quilómetro 0 en Pedrafita ao quilómetro 20 en Queixadoiro, Triacastela (comarca de Sarria).

Na OU-536 está prohibido o paso de autobuses, é obrigatorio o uso de cadeas ou o pneumáticos de inverno e tampouco poden circular os camións ou articulados. Esta restrición sitúase entre o quilómetro 24 en Barrio ao quilómetro 40 na Eirexa, en ambos os sentidos.

Finalmente, está prohibido o paso de camións e articulados pola OU-0704 entre o quilómetro 2 en Cova ao 6.8 en cabeza de Manzaneda (Terra de Trives), en sentido crecente da circulación.