Estar na lusofonía "é cuestión de vontade política"

A XIII cimeira de xefes de Estado e de Goberno da CPLP terá lugar en Angola no mes de xullo (CPLP).
A decisión da Xunta da Galiza de frear a súa candidatura para ingresar na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa desactiva unha vía de traballo á que a sociedade civil dedicou boa parte dos seus esforzos nos últimos anos. Un dos obxectivos e das liñas de acción esenciais da Lei Valentín Paz Andrade. Porén, non dan a iniciativa por perdida. Defenden a presenza da Galiza na CPLP malia o interese do Estado español de entrar na Comunidade.

O anuncio do Goberno da Xunta de frear a candidatura da Galiza para formar parte da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) non colleu por sorpresa a sociedade civil, un apoio imprescindíbel que nos últimos anos alentou o recoñecemento do portugués no país, o desenvolvemento e aprobación da Lei Valentín Paz Andrade e, con máis ímpeto, a entrada da Galiza na CPLP.

 A Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, fundada en xullo de 1996, é unha organización internacional formada por Estados da lusofonía: Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Moçambique, Portugal, São Tomé e Príncipe, Timor-Leste e a Guiné Equatorial, que en 2010 recoñeceu o portugués como "terceira lingua oficial" para poder ser recoñecido como Estado membro de primeiro nivel. Creouse co obxectivo de fortalecer a amizade mutua e a cooperación entre as comunidades membros.

Desde entón, ademais de reforzar os seus vínculos lingüísticos, culturais, económicos e sociais, a CPLP teceu unha ampla rede de contactos coa incorporación de novas entidades e organizacións internacionais. É o caso da Galiza, representada desde o ano 2016 polo Consello da Cultura Galega e desde 2017, tamén pola Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), ambas, en calidade de "observadores consultivos".

Coordinación e consenso

En declaracións a Nós Diario, Ângelo Cristóvão, presidente da AGLP, destaca o valor desta representación galega, pero sobre todo, recoñece o mérito, ademais do proveito, dun traballo minucioso e "coordinado"  que logrou situar Galiza nunha posición privilexiada para entrar a formar parte da CPLP.

"A entrada de España non evita que entre Galiza, pero os asuntos diplomáticos son delicados e convén tratalos con delicadeza".

"Nos seus estatutos de creación, a CPLP xa prevé a incorporación de territorios da contorna da lusofonía dotados de órganos autónomos". Unha chiscadela, di, "a dous territorios concretos: Macao e Galiza, que agora, após as declaracións do secretario xeral de Política Lingüística, parece ver demorada unha iniciativa que fora proposta e acordada por unanimidade na Cámara galega.

Valentín García recoñeceu que o Ministerio de Asuntos Exteriores expresou o seu interese en que sexa Estado español, por xunto, o que entre na CPLP; e que a Xunta non ve coherente que "España e Galiza concorran con cadansúa candidatura".

Malia esta recuada, Cristóvão prefire salientar o consenso acadado na Cámara galega para "definir unha estratexia que favorecese a entrada da Galiza na CPLP", unha estratexia, di "á que contribuímos sempre de forma coordinada co Goberno da Xunta".

"O éxito da candidatura galega é posíbel e depende da vontade do Parlamento da Galiza e dos grupos políticos para manter o consenso".

"Eu creo que non é incompatíbel. A entrada de España non evita que entre Galiza. De feito, non hai ningún impedimento xurídico para ingresen ambas", insiste. "É cuestión de vontade política. Se hai vontade non hai nada que non se poida conseguir", e apunta a "urxencia" de manter a calma e traballar "con sosego e tranquilidade". "Os asuntos diplomáticos son delicados e convén tratalos con delicadeza", engade  Ângelo Cristóvão, "polo que non deben ser obxecto de confrontación nin de disputas públicas".

Presenza autónoma

O presidente da AGLP critica o grao de cumprimento da Lei Valentín Paz Andrade, froito dunha Iniciativa Lexislativa Popular. "Lonxe dun cumprimento íntegro, en moitos aspectos aínda está por comezar a aplicarse xa que non se levou a cabo o desenvolvemento lexislativo comprometido". Con todo, mantén que o éxito da candidatura galega é posíbel e depende, di, da vontade do Parlamento da Galiza e dos grupos políticos para manter o consenso e o entendemento arredor dunha cuestión indiscutíbel como é a oportunidade de que o territorio galego faga parte da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa de "forma autónoma".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.