ABAU 2023

Dos nervios iniciais ao alivio tras o primeiro exame: así afronta o alumnado galego a selectividade

Un estudante dá un último repaso aos apuntamentos antes de comezar o exame na Facultade de Comunicación da USC. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
As e os aspirantes da anteriormente chamada selectividade encheron os corredores e aulas destes centros desde as 9 horas da mañá

Case 12.800 estudantes galegos están chamados a participar desde esta terza feira na Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), unhas probas que a maioría afrontan cos habituais nervios iniciais que aos poucos se van despexando, especialmente tras facer o primeiro exame. A Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, que esta semana acollerá a uns 400 alumnos, é un dos seis puntos de exame habilitados na capital galega.

As e os aspirantes da anteriormente chamada selectividade encheron os corredores e aulas destes centros desde as 9 horas da mañá. A maioría estaban divididos en grupos que ou ben tentan despexarse falando doutros temas, ou ben apuran os últimos minutos e aproveitan para dar un último repaso antes do exame. Tras unha primeira charla introductoria, a ABAU 2023 comezou con Historia de España, proba na que entraron temas como a Segunda República, a Revolución Gloriosa de 1868, a Transición e os Reis Católicos.

"Non era difícil", recoñece Denís Doiro, un estudante do IES Cacheiras, de Teo (comarca de Santiago) que aspira a entrar no grao en Ciencias do Deporte, coñecido como INEF, e que optou pola composición sobre a Gloriosa. "Ben, saio contento", recoñece á axencia Europa Press, desde a cafetaría da facultade de Ciencias da Comunicación. Os días previos á ABAU, Denís optou por tomar o estudo "con calma". "Fun polas mañás estudando catro ou cinco horas diarias, sen abafos. Eu son de todos os días e onte [por esta segunda feira] tiven o atracón forte, pero ben", asegura.

Tamén desde a cafetaría, tres rapaces do IES Manuel García Barros, da Estrada (Terra de Montes) comen un xeado após rematar o exame de Historia. Un deles, Jesús Palmou, que aspira a entrar en Dereito, sae "contento" porque as preguntas "foron fáciles". Jesús admite que nos días previos só tivo que "repasar", porque semanas atrás tivo que recuperar até seis materias para poder estar esta terza feira na convocatoria ordinaria da ABAU, un logro que lle recoñecen os seus compañeiros.

Un dos seus colegas, Manuel Carbón, tamén comenta que caeron en Historia os temas "mellor levaba preparados". Tentará entrar en Xornalismo, polo que, se todo sae ben, en setembro estará nos corredores da mesma facultade na que esta semana se enfronta á selectividade.

Menos sorte correu neste primeiro exame Miguel Ángel Gómez. "Eu son a excepción que confirma a regra", asegura, pois apostaba por que ía entrar a ditadura de Miguel Primo de Rivera coincidindo con que o pasado abril se exhumaron os restos do seu fillo José Antonio Primo de Rivera, fundador da Falanxe.

Malia que Miguel Ángel recoñece que a historia "nunca foi" o seu "forte", si espera un aprobado e poder entrar en Filosofía o ano que vén. "Tampouco teño unha nota de corte alta. Non me queixo", expresa ante o micrófono de Europa Press, antes de recoñecer que se preparou para a ABAU cun "último atracón" tras "pasalo moi ben as últimas semanas", porque para el prima a "saúde mental".

"Ao principio, moitos nervios"

Na saída dunha das aulas da Facultade de Xornalismo, outros dous mozos do IES Cacheiras falan con certo alivio unha vez 'roto o xeo' co primeiro exame. "Ao principio, con moitos nervios, pero logo funme tranquilizando e xa ben", sinala Laura Salcido, que quería "quitar de enriba" cando antes a proba de Historia. Laura levou "mal" e "con moito abafo" o estudo, a pesar de que foi "aos poucos". A súa preferencia é facer o grao en Psicoloxía, con Pedagoxía e Educación Infantil como seguintes opcións.

O seu compañeiro Marco Becerra, que aspira a estudar INEF, coincide con ela en que "ao principio estaba nervioso e logo ben". Sobre o estudo, recoñece que tentou "organizarse", pero que lle custou máis porque é "moita materia".

Outra alumna do mesmo instituto de Teo, Irene Armesto, sae contenta do exame de Historia. "Para ser o primeiro, bastante ben", afirma, agora que está "un pouco menos nerviosa" que antes de enfrontarse á proba. Co seu obxectivo de entrar no grao en Física, Irene estudou para a ABAU "con tempo", pero iso non lle evitou un 'atracón' os últimos días. "Tamén ao final xuntáronseme máis as cousas, pero eu creo que o levei ben".

Ás portas da facultade, varias decenas de estudantes charlan á espera do segundo exame, que será o de Lingua Castelá e Literatura, ás 12h do mediodía. Laura Carracedo, alumna do IES García Barros da Estrada que quere facer Psicoloxía, respira aliviada tras comprobar que o de Historia foi igual que "os de todo o curso". O seu truco para estudar foi "facer esquemas" e logo "lelos todos os días".

Antonella Deida, unha compañeira que quere facer Criminoloxía, conta que a ela facer esquemas "con palabras importantes" tamén lle axuda "moitísimo". Á espera do exame de Lingua Castelá, vai apurar os últimos minutos para repasar.

Outro dos estudianes do IES García Barros, Ángel Domínguez, tamén aproveitará o descanso para revisar a materia porque, di, le "fai falta". "Pero se mo soubese, non o miraría porque o que non aprendín antes non vou aprendelo en media hora", engade. Ángel aspira a entrar en Educación Infantil e, a falta de esquemas, porque non lle gustan, recoñece que el é máis "de chapar" e "ao día seguinte, se me acordo", soltar a materia. Aínda que empezou "aos poucos", si que dedicou "a tope" para estudar a última fin de semana.