Neonazis de Hogar Social Madrid anuncian que acoden a Galiza con “axuda humanitaria” polos incendios

O colectivo de extrema dereita afirma que trae axuda “para quen o perdeu todo” na vaga de lumes.

 

“Hogar Social Madrid acudirá a Galiza con axuda humanitaria para aqueles que o perderon todo por mor dos incendios. Axúdanos a axudar!”. Con este chío o colectivo de extrema dereita anunciaba nas redes sociais a súa intención de facer acto de presenza no noso país. Adxuntaban un número de conta e de ‘paypal’.

 

O anunciou axiña xerou unha vaga de reaccións nas redes sociais, denunciando o carácter xenófobo e neonazi deste colectivo, que hai meses ocupou espazos nos grandes medios a raíz da súa iniciativa de repartir en Madrid axuda para aquelas persoas afectadas pola crise, mais “só para españois”. Desde entón, ten protagonizado diferentes accións contra colectivos de inmigrantes e, ultimamente, fixo parte de mobilizacións en Catalunya de extrema dereita unionista contra o proceso de autodeterminación catalá.

 

“Somos máis de Mencer Dourado [partido neonazi grego] que de Le Pen”, afirmaba nunha entrevista en Público a que é sinalada como unha das líderes deste colectivo, Melisa. Hogar Social Madrid é o rostro do que se coñece como a nova extrema dereita española, que ten no neofascismo italiano un dos seus referentes, nomeadamente o que se nuclea en torno a ‘Casa Pound’.