'Operación Dracarys'

A organización neonazi Combat 18 preparábase para atacar "mesquitas, intereses xudeus e antifascistas"

O subxefe da Comisaría de Información dos Mossos d'Esquadra, David Sánchez, en rolda de prensa debullando o operativo. (Foto: Europa Press)
Combat 18, aseguran os Mossos, carecía aínda dun "plan concreto contra un obxectivo concreto", mais si estaba "buscando medios para chegar a atacar". E, para iso, o seu obxectivo a curto prazo era captar novos membros, nomeadamente a través de propaganda en redes sociais.

Atacar "mesquitas, intereses xudeus e locais de ideoloxía interpretada como antagónica, fundamentalmente de esquerda antifascista". Esas eran as prioridades de Combat 18, a organización neonazi á que presuntamente pertencían un mínimo de 16 persoas detidas a pasada terza feira en diferentes municipios do Estado español, entre eles o galego Sober (Terra de Lemos). Alí residía G.C.B., un home de mediana idade que, segundo a veciñanza, non se relacionaba moito cos demais habitantes e que sería un dos integrantes do grupo de 'cabezas rapadas'. Unha historia que hogano pode soar estraña pero que, á vista dos acontecementos, non o é.

Esta quinta feira G.C.B. quedou en liberdade coa obriga de realizar comparecencias quincenais nos xulgados, logo de acollerse ao seu dereito a non declarar ante un xuíz de Monforte, onde fora citado. Chegou con xesto tranquilo, evitando cubrir o rostro malia a nutrida presenza de cámaras, que parecía non incomodalo, cun brazo en estribeira e vestindo roupa de camuflaxe. As dilixencias remítense agora ao xulgado que instrúe a causa, na localidade catalá de Manresa.

Precisamente desde Catalunya esta quinta feira daba conta da investigación o subxefe da Comisaría de Información dos Mossos d'Esquadra —encargados da operación a grande escala 'Dracarys' canda a Policía Nacional—, David Sánchez, que precisou que a 'delegación' no Estado español de Combat 18, que naceu no Reino Unido e ten membros activos en lugares de todo o mundo, como EUA, Alemaña ou Canadá, país este último que a declarou terrorista, carecía aínda dun "plan concreto contra un obxectivo concreto", mais si estaba "buscando medios para chegar a atacar".

Entre os seus obxectivos a curto e medio prazo destacaba a captación de novos membros a través da propaganda en redes sociais, unha actividade que "se multiplicara" nos últimos tempos após case dous anos de monitorización policial", precisou Sánchez. De feito, recoñeceu que a ultradereita violenta é hoxe, canda o yihadismo, a principal ameaza á seguridade en Catalunya para os Mossos.

A operación 'Dracarys', dixo, non implica que a ameaza terrorista aumentase, só que "se mantén". "Mais, en calquera caso, é elevada", matizou. Os movementos de extrema dereita conta cunha actividade "constante e consistente en xerar relato e captar persoas e cunhas intencións clarar de cometer ataques", alertou o mosso.

As 16 persoas arrestadas, trece homes e tres mulleres, teñen entre 29 e 49 anos, o que para David Sánchez responde a un perfil de persoas "que completaron un proceso de radicalización hai anos" e non se "iniciaron" agora nesa radicalización. E a maioría de feito, contan con antecedentes por delitos de odio ou relacionados coa súa ideoloxía extremista.

Organización xerarquizada

Malia que é frecuente que os grupos supremacistas empreguen a táctica coñecida como "resistencia sen líder", na que non existe unha organización estruturada en todo o mundo, Combat 18 si dispuña dunha xerarquía moi específica, con cargos diferenciados como presidente, tesoureiro ou simpatizantes. Mantiveron "múltiples reunións de coordinación" entre os acusados residentes en Catalunya e a través da rede co resto, concretou Sánchez.

Todos os detidos están a ser investigados como supostos integrantes dunha organización criminal cuxa razón de existencia era "cometer delitos contra persoas". Tamén se lles atribúen os presuntos delitos de tenza ilícita de armas e contra os dereitos fundamentais. Investigalos desde unha fase moi temperá, celebrou o axente dos Mossos, permite "actuar cando aínda non hai un risco elevado" para a cidadanía, se ben a parte negativa son as "limitacións a nivel procesal e penal".