En liberdade o membro do grupo neonazi 'Combat 18' detido en Sober esta semana

O membro do grupo neonazi 'Combat 18' entrando aos xulgados de Monforte de Lemos esta quinta feira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O home de mediana idade, que responde ás iniciais G.C.B., acolleuse ao seu dereito a non declarar ante a autoridade xudicial e as dilixencias remítense agora ao xulgado que instrúe a causa, en Manresa (Barcelona).

O home arrestado a terza feira nunha aldea do municipio de Sober (Terra de Lemos) pola súa suposta vinculación coa organización criminal neonazi 'Combat 18' foi posto en liberdade esta quinta feira coa obriga de realizar comparecencias quincenais, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

O home de mediana idade, que responde ás iniciais G.C.B., acolleuse ao seu dereito a non declarar ante a autoridade xudicial e as dilixencias remítense agora ao xulgado que instrúe a causa, en Manresa (Barcelona).

Chegada aos xulgados

O detido chegou ás dependencias xudiciais na mañá desta quinta custodiado por unha patrulla da Policía Nacional.

Con xesto tranquilo, tatuaxes en ambas as mans, o brazo dereito en estribeira e sen cubrir o rostro en ningún momento, o home procesado pola súa suposta vinculación coa organización neonazi e supremacista branca 'Combat 18' entrou no Xulgado de Instrución número 1 de Monforte de Lemos esposado e acompañado por dous axentes.

Vestido cunha chaqueta de cor verde, un pantalón de camuflaxe caqui e unhas zapatillas brancas, o home arrestado nunha vivenda de alugueiro da aldea de Ferroños, en Sober, como parte dun operativo policial de alcance estatal que se saldou con 16 detidos, compareceu ante o xuíz durante máis de dúas horas.