Sermos Galiza

Nemésio Barxa, avogado do pobo

Defender a Galiza, a cultura, o idioma e o pobo, pelexar en prol das persoas máis excluídas: labregas espoliadas por Fenosa, traballadores despedidos por Alcoa, vítimas da ditadura franquista... Eis a paixón e a vida do avogado Nemésio Barxa, que bota a ollada atrás para ver aquel neno nado en Caldesiños (Viana do Bolo), fillo de mestres da República; e para lembrar o Ourense onde logo medraría en contacto co antigo galeguismo e co novo nacionalismo. Con toda a súa bagaxe, Barxa conversa sobre a Galiza que vén, os novos retos e a situación da Xustiza

Ao carón da Casa Galega da Cultura, onde se abre a zona vella de Vigo, enclávase o despacho do avogado Nemésio Barxa. Alí agarda para permitirnos facer con el un percorrido vital que principia en Caldesiños (Viana do Bolo), a parroquia que hai 85 anos viu nacer este xurista comprometido coa Galiza e co pobo. A conversa leva á cidade das Burgas, onde medrou, mora e ten despacho, como o colexiado máis veterano do Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense. O seu nome está en numerosos estudos e publicacións e no impulso de centos de iniciativas diversas, como cofundador desde o Consello da Avogacía Galega até a Agrupación Cultural Auriense, a Associaçom Galega da Língua e mesmo produtoras audiovisuais e medios de comunicación. De feito, actualmente forma parte do Consello de Administración de Nós Diario. "Seguimos na loita", asegura Barxa, ao falar de tantos casos que levou avante na defensa das e dos oprimidos.

Adóitanlle dicir que é ourensán, mais realmente naceu en Viana.

Nacín nunha parroquia de Viana do Bolo, Caldesiños, en 1935, así que son un neno da República. Mais nin a miña nai nin o meu pai eran de alí. El naceu no Ribeiro e ela, aínda que era do Pereiro de Aguiar (onde o meu avó tiña terreos, pois era un rico terratenente) vivía en Ourense cidade. Coñecéronse nas oposicións, ambos eran mestres da República, ilustrados e intelectuais. Supoño que, naquela época, a posibilidade de atopar unha escola onde poder estaren os dous supuña escoller destinos máis afastados. En Caldesiños estaba a casa-escola en que vivimos até que marchamos a Ourense ao eu ter 6 ou 7 anos.

Doou a Viana a súa biblioteca persoal, que conta con máis de 7.000 exemplares. De onde vén a súa paixón pola lectura?

Cando me falan da miña afección aos libros, sempre penso que vén polo meu pai. El tiña unha biblioteca pequena, mais con moito libro en galego. De aí nace tamén o meu interese pola literatura galega desde neno e, sobre todo, pola poesía. Lembro ler desa colección a Lamas Carbajal, a Curros Enríquez, a Rosalía de Castro, mais tamén a Castelao. Logo, vas medrando e reatopas aqueles libros, e dáste conta de que os liches, de que os amas e de que os segues a ter contigo. Así foi que a primeira vez que saín fóra do país, cando fun estudar a Madrid, levei media ducia deses libros de meu pai.

O Sempre en Galiza estaba tamén con vostede da man de seu pai?

Sempre me preguntei como tiña a valentía de gardar eses libros. Fíxate que eu pensaba que a miña familia era xente "de ben" e afecta ao réxime. Lembro unha foto na que meu pai e outras persoas aparecían con camisa azul facendo, segundo el me dixera, uns cursos que eran do SEM [Sindicato Español do Maxisterio, organización do franquismo]. Mesmo de pequeno eu estiven na fronte de xuventudes, pois non había outra maneira de xogar ao balonmán nin saír de excursión. E, para máis inri, fun das xuventudes xesuítas. Aínda lembro cando a Antonio Quesada e a min, que sempre fomos moi amigos, nos expulsaron do campamento de Monterrei da fronte de xuventudes cando tiñamos ao redor de 12 anos... Facíamos a guerra pola nosa conta! Pasado o tempo é cando vexo o índice da reimpresión que se fixo hai uns anos da revista Nós e atopo o nome de Nemésio Barxa, meu pai. Eu non sabía que colaborara con Nós, pregunteillo e respondeume afirmativamente, mais sen afondar. Logo, en 2016, Sermos Galiza publica Mortos por amor á Terra. A represión sobre o nacionalismo galego (1931- 1950), de Xosé Ramón Ermida, e aí aparecen como represaliados, ademais de meu pais, os meus tíos Nicolás e Manuel Barxa. Falei co autor para dicirlle que non foran represaliados, que eles eran xente do réxime e foi entón cando Ermida me enviou a nota do Ministerio de Educación de depuración de meu pai e de Nicolás, tamén mestre; e mais un recorte de prensa onde aparecían os tres irmás como fundadores do Partido Galeguista en Toén. Aí prendeuse a luz, é cando entendo que aquela fotografía coa camisa azul non era outra cousa que un campo de reeducación a onde mandaban mestres represaliados para poderen reincorporarse á escola e dar aulas. Entón quedei pampo. Gustaríame tanto ter falado disto co meu pai... Imaxino o medo que pasaron os tres, sobre todo Nicolás e meu pai, que perdían o traballo tendo fillos que alimentar, nunha época de tanta fame. 

Toda a súa vida xira en defensa da cultura galega, mais como foi que deu os primeiros pasos no movemento cultural?

En Madrid relacioneime con xente galega, falamos na nosa lingua e logo regreso a Ourense. É aí cando empezo a conectar con Vicente Risco e vou de vez en cando ao faladoiro que organizaba, contacto con Leuter González, que fora dirixente do Partido Galeguista e moi represaliado pola ditadura. Ademais, nese momento, asisto ás reunións que teñen os vellos galeguistas, con Otero Pedrayo á cabeza, unha persoa moi afábel e coa que chego a ter bastante relación persoal. Reúnense na Cámara de Comercio de Ourense e alí comezo a ir eu tamén, estamos falando de finais do ano 1955. Neses faladoiros conversamos máis sobre cultura que de política, e déronme un acervo cultural moi grande. 

A entrevista ao completo pódela ler no suplemento Sermos Galiza nº410, que este sábado se publica canda Nós Diario e que podes mercar na loxa ou quioscos.