As navieiras negan a sobrevenda de pasaxes para as Cíes, cunha capacidade de turistas limitada

Representantes legais das empresas á saída dos xulgados. (Foto: Europa Press)
Varias empresas están a ser investigadas pola Xustiza para aclarar se despacharon boletos para levar máis visitantes dos permitidos ao Parque Natural das Illas Atlánticas. Os avogados que as representan falan dun erro na aplicación xestora.

As e os responsábeis de administración de dúas empresas navieiras que están a ser investigadas pola sobrevenda de billetes para visitar as Illas Cíes rexeitaron hoxe nos xulgados calquera actividade ilegal.

A través dos seus letrados defensores, aludiron a supostos problemas na aplicación da Xunta que xestiona a venda dos pasaxes.

Polo que comentou un dos avogados, a Xustiza céntrase no que sucedeu o 20 de agosto de 2017, cando chegou moita máis xente da permitida ao Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Por iso, o representante da firma Nabia, destacou que a xerente atendeu “a todas as preguntas durante a súa declaración”.

Ademais, nesta cuarta feira tamén compareceu o responsábel de Tours Rías Baixas, que contestou só a preguntas do seu avogado e tamén negou a suposta ilegalidade.

Para defender a inocencia do seu representado, destacou que a aplicación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para xestionar os billetes “presentaba fallos no sistema”. “De feito cambiárona despois”, asegurou, engadindo que o conteo tamén tivo erros porque se fixo a man e non cos códigos QR.

Segundo o ministerio público, malia que o número máximo de visitas diarias a estas illas é de 2.000 persoas e que a emisión de pases vai a través dun sistema da Xunta, “as navieiras emitían pasaxes de forma fraudulenta, a través de billetes cos códigos QR duplicados ou cos números de identificación alterados”.