A natureza de Trevinca ameazada por cuarta vez polos parques eólicos

Un grupo de xente desfrutando da Ruta Lagoas en Trevinca, arquivo.
A natureza protexida das Montañas Trevinca volta a estar ameazada por un proxecto de parque eólico que pretende instalar 31 aeroxeneradores.

Un cuarto proxecto de parque eólico volve ameazar a natureza da Serra do Eixe, entre os concellos da Veiga e Carballeda de Valdeorras. Xa nos anos 2001, 2005 e 2008 presentáronse proxectos da mesma índole tentando instalar aeroxeradores nas montañas de Trevinca e, unha vez máis, a veciñanza oponse a que esta situación se materialice.

“É como se a alguén se lle ocorrese pór bombas no Vaticano”, sinala o presidente do club de montañismo Montañas Trevinca, Antonio Fernández, en declaracións a Nós Diario. Trevinca conta cun patrimonio natural catalogado pola Rede Natura 2000 de Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) porque, “entre outras moitas cousas, somos o hábitat de tres parellas de aguias reais –das sete que pode que existan na Galiza–  que cazan, aniñan e viven nestas terras”. 

Máis aló do impacto natural que pretende levar a cabo a empresa Desenvolvementos Renovables Iberia Gamma S.L. do grupo noruego Statkraft, Fernández explica que a instalación destes 31 aeroxeradores, con alturas de preto de 200 metros e unha potencia total de 170,5 MW, “suporía un horror desde o punto de vista estético e económico para o turismo natural da zona –xa que os 30 quilómetros lineais deste a primeira torreta até a última, afectan aos concellos da Pobra de Trives, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, Petín, San Xoán de Río e Quiroga–  e, sobre todo, da Veiga”. Este concello da comarca de Valdeorras está dedicado ao turismo de natureza sostíbel, “contamos con máis de 200 quilómetros de sendeiros homologados, zonas como o Encoro de Prada e un turismo estelar en auxe grazas aos nosos ceos sen contaminación luminosa”, sinala.

O presidente do club tamén indica que “iso de que o parque vai axudar a frear o despoboamento dos concellos non o cren nin eles; claro que o traballo medrará no momento da instalación –se se chega a levar a cabo– pero despois o mantemento é algo puntual e non cremos que o persoal traballador fique a vivir na Veiga, en todo caso poderían ir ao Barco ou a zonas de máis poboación”. A nivel laboral, “o parque acabaría por destruír máis traballos dos que puidese chegar a crear, xa que acabaría, como dicía antes, co turismo natural da contorna”, remarca.

Ademais destes puntos, tamén se cuestionan o impacto medioambiental que supón “estes ‘monstros’ de ferro que no futuro máis ben próximo non haberá modo nin cartos para retiralos; como xa acontece con outros aeroxeradores obsoletos que, a pesar de non estaren en funcionamento, non se retiran do lugar”, explica.

Por todo iso, a través dun comunicado que se remitiu aos medios de comunicación, Antonio Fernandez pide aos “señores eólicos” que “pensen no dano que están a facer á nosa terra". De igual maneira, prega ás administracións galegas que “non pensen no que reciben agora, teñen que pensar no que perderemos todos e todas se non se lexisla correctamente a política ambiental do país”.

Por último, o presidente do club roga á cidadanía que se impliquen máis na defensa desta natureza galega.