Natalia Lima é investigadora

Natalia Lima: "Este momento histórico é moi importante para a Galiza no ámbito da investigación científica"

Natalia Lima (sexta pola esquerda) forma parte do grupo de Metabolismo Molecular da USC. (Foto: Nós Diario)
O grupo de Metabolismo Molecular do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela (Cimus) e o CIBER de Obesidade e Nutrición (Ciberobn) veñen de desenvolver un estudo no que se descubriu un novo albo implicado no desenvolvemento da enfermidade do fígado graxo non alcohólico, para a que, polo momento, non existe tratamento. Foi publicado nunha das revistas máis relevantes neste campo de investigación, Journal of Hepatology.  

En que consistiu a investigación?

Comezamos no ano 2018, e tardamos un pouco en demostrar que a proteína ATG3 xoga un papel importante no control da graxa do fígado. Este foi un traballo moi longo, porque tivemos que estudar moitos pacientes de moitos centros doutros lugares do Estado español.

Tiñamos que comprobar que realmente existía esa relación e esa importancia. Nun principio traballábamos con mostras de ratos. Fomos facendo distintas probas até poder comezar a traballar con mostras de fígados de diferentes pacientes. 

Cal é a importancia do seu traballo de investigación?

A nosa é unha investigación básica, tanto pola institución na que se leva a cabo como polas ferramentas empregadas. Por ese motivo, os resultados das mesmas son moi primarios se temos en conta os datos cos que o equipo de investigación puido traballar. Estudamos moitas mostras, mais non houbo un compoñente clínico na investigación, xa que iso implicaría unha serie de recursos e de tempo de traballo moito maior. A importancia do estudo radica en que moitos pacientes ven alterado o seu nivel de graxa no fígado, e agora podemos comezar a entender o porqué, aínda que para a obtención dun tratamento ou unha cura, ou mesmo para a propia prevención de pacientes co fígado graxo, deben pasar varios anos para que as investigacións se sigan desenvolvendo.

Cales son os seguintes pasos?

Unha vez conseguimos probar que a proteína é moi importante para os pacientes, chegou o momento de levar a cabo diversas tarefas. Por unha banda, redactar e publicar un artigo sobre a investigación para mostrar os datos obtidos á comunidade científica. Isto serve para que, se hai algún grupo de traballo que se dedique especificamente a ese eido da investigación, poida empregar eses datos para comprobalo noutros pacientes. Tamén podería tratarse dun grupo clínico, que traballaría cun maior número de pacientes e que lle daría un maior pulo á investigación. Pero iso é aventurarse moito por agora, estamos aínda nunha fase moi inicial.

En que punto se atopa para vostede o panorama investigador da Galiza?

É certo que a Galiza agora mesmo non se pode comparar con outros lugares investigadores do Estado español e internacionais, pero o potencial co que conta é moi prometedor. Hai investigadoras de moito nivel, material de traballo moi interesante e unha capacidade moi alta para producir contidos e coñecemento científico. Todo iso converxe para que este momento histórico sexa moi importante para a Galiza no ámbito da investigación. Se seguimos así, poderemos superar novos obxectivos e chegar moi lonxe como territorio investigador a nivel internacional.

Pensa que as investigadoras galegas contan con apoio suficiente por parte das Administracións públicas para desenvolver investigacións como as que vostedes veñen de realizar?  

Penso que as investigadoras si contamos con certo apoio, mais é evidente que sempre se pode mellorar, e iso deriva en que se poderían obter aínda mellores resultados e máis descubrimentos. Hai que ter en conta que as investigadoras deixamos unha gran parte da nosa vida no noso traballo, e a longo prazo, e o aumento do investimento público podería supor unha maior efectividade nas investigacións, o que maximizaría todo ese esforzo que levamos a cabo. Penso que a Galiza está agora mesmo nun nivel medio de investimento. Eu traballei moitos anos no Brasil, e hai moita diferenza entre as posibilidades que tiña alí e as que teño aquí, pero alguén de aquí que traballe no Canadá pode pensar o mesmo.