Natali Asorey: "Os macrocentros xeriátricos enriquecen só as catro persoas que os xestionan"

Natali Asorey Zorraquino creou en 2013 o centro de formación e ocio Colaxe (Foto: Nós Diario).
Natali Asorey Zorraquino creou en Laxe no ano 2013 Colaxe, un centro de formación e ocio. Coa súa experiencia na primeira Casa do Maior da comarca, decidiu, xunto a sete mulleres máis, presentar unha cooperativa sen ánimo de lucro coa idea de impulsar centros interxeracionais en Traba (Laxe), O Couto (Ponteceso), Xaviña (Camariñas), Erbecedo (Coristanco), Cee e Mazaricos. Agora están á espera de que sexa aprobada a proposta para comezar a traballar.

-Como naceu o centro Colaxe?

Colaxe, como o seu nome indica, é un conxunto de propostas. Pola miña profesión como traballadora social estou vinculada á formación e todo o relacionado co social. Cando cheguei a Laxe, xa hai uns anos, non había nada para o lecer das nenas e os nenos nin obradoiros. Desde o inicio traballei como autónoma xunto a catro compañeiras, sempre mulleres, contratadas. Chegamos a ser seis, mais pola pandemia, agora quedamos a metade e a media xornada. 

Traballamos en áreas moi relacionadas co mundo infantil e despois enfocámolo cara ás persoas maiores a través da formación de persoas adultas en diferentes áreas até chegar a poder conceder certificados de profesionalidade, na actualidade un total de doce. Esa formación tiña moito que ver co perfil sociosanitario, polo que nos animamos a presentarnos para ser a primeira Casa do Maior da Costa da Morte. Ademais, temos previsto pór en marcha unha empresa propia de axuda a domicilio que cubra outras necesidades que non realizan os concellos.

-En que momento se pensou en crear a cooperativa para levar a idea a outros municipios?

Fixemos unha reflexión sobre a situación que vive a Costa da Morte. Se na nosa Casa do Maior temos listaxe de agarda, no resto de municipios da comarca a situación é a mesma. Contamos cun perfil de usuario e usuaria que, pola situación económica ou xeográfica, non poderán ir a un centro de día. 

Na mesma convocatoria oficial, dentro das bases, xa se explica que este tipo de propostas non poden instalarse onde existan residencias ou centros de día. Por ese motivo, pensei en compañeiras de diferentes concellos que quixesen participar abrindo unha. Mantivemos reunións con técnicos e responsábeis municipais para ver a posibilidade de levar esta idea e instalala en espazos que agora non se utilizan, como poden ser as escolas unitarias fechadas. Nós adaptariamos as instalacións, que seguirían a ser propiedade do concello. 

Tivemos sorte e seis concellos foron moi receptivos. Agora estamos agardando que a Xunta aprobe o proxecto para poder constituírnos finalmente como cooperativa. Parouse en 2020 por culpa da pandemia e está previsto que se resolva este mes de agosto.

-Foi positiva a experiencia de traballar cunha Casa do Maior?  

Estes dous anos comprobei o ben que funciona, o servizo que damos e o contenta que están as cinco usuarias que temos. Foi o que me animou a medrar. Todas as compañeiras que entran na cooperativa teñen experiencia en residencias ou axuda ao domicilio e comentan que a nosa proposta é moi positiva. Adáptase moi ben a outros servizos. 

O que ofrecemos nós é gratuíto e poden compaxinalo con outros servizos de dependencia, sexa atención no fogar ou tamén a figura do coidador familiar non profesional. É a maneira de non institucionalizalas. Por outro lado, as traballadoras contamos cun labor moi agradecido e que deixa tempo para a conciliación familiar por pactar as horas coas usuarias. Para min é un recurso ideal.

-Pensa que é mellor que o modelo actual de grandes residencias?  

Estou convencida de que si. Só tes que preguntarlle ás e aos maiores. Queren estar na súa contorna, coa súa familia e as súas amizades. É inviábel unha residencia como as actuais en cada municipio. Con estes proxectos créase, ademais, traballo con persoas do lugar. Os macrocentros xeriátricos enriquecen só as catro persoas que os xestionan.