O evento celta de Narón comeza esta sexta feira

O Oenach atlántico fai 20 anos

Un momento dunha edición anterior do Oenach.

O Oenach Atlántico de Sedes, en Narón, fai vinte anos como axente difusor e promotor da cultura celta. Declarada Festa de Interese Turístico, recrea a vida cotiá dunha aldea celta nun entorno de pallozas reconstruídas. Do 27 ao 29 de xullo, a parroquia de Sedes converterase na capital do mundo celta.

Oenach é unha palabra indoeuropea que significa “lugar de encontro da comunidade”. O Oenach Atlántico, celebrado na parroquia naronesa de Sedes, é un lugar de xuntanza e festa xurdido arredor da didáctica do patrimonio na Galiza. Un evento multidimensional con base etnográfica e antropolóxica-cultural que tenta recrear as raíces da nosa cultura e dos modos de vida rurais a partir da cultura celta. Nun exercicio de difusión e promoción do mundo celta, trátase dunha celebración situada nunha zona de pallozas reconstruídas onde se volta a vivir o día a día dunha aldea celta.

 

O evento inclúe unha zona con expositores de artesanía galega, tamén haberá produtos do campo e demostracións de oficios artesáns da época durante os tres días que duran os festexos. De marcado carácter comunitario e participativo, foi impulsado hai vinte anos como un proxecto de divulgación do patrimonio cultural galego a través dunha comunidade de veciñas e veciños. Amais, Oenach Atlántico nace arredor da celebración da Feira do Trece, un espazo de encontro e comercio de gran peso na segunda metade do século XX.

 

Co ritual do acendido do lume dan comezo as celebracións do Oenach, cunha programación chea de espectáculos musicais, obradoiros, teatro e até unha degustación gastronómica de produtos de porco celta.

 

O programa

 

A sexta feira 27 e após o prendido, a compañía Pablo Méndez presentará “Dolmen”, un espectáculo inspirado na mitoloxía celta e composto por seis artistas: un druída, dúas guerreiras, unha aguia, un centauro e un guerreiro. Máis tarde será a quenda dos concertos, desta vez da man de DubidáTrio e Cristian Silva

 

O evento foi impulsado hai vinte anos como un proxecto de divulgación do patrimonio cultural galego a través dunha comunidade de veciñas e veciños

 

Ao día seguinte, a xornada abre ás 11 horas cunha mañá marcada polos xogos e os obradoiros de arqueoloxía experimental e que terá o seu remate cara ás 14 horas da man do grupo Lenda Ártabra, encargados da Sesión Vermú. Xa pola tarde, volverá haber actividades a partir das 16 horas, entre as que destacamos o concerto infantil de María Fumaça

 

Ás 22.30 horas do sábado chega o momento máis esperado do Oenach Atlántico: A Noite no Castro, composta por dúas representacións teatrais feitas pola veciñanza da zona e que relatan a vida cotiá nos castros. As pezas serán de temática fantástica e estarán situadas na época celto-galaica. Cada edición (e xa van vinte), as veciñas e veciños de Sedes elaboran un texto coa dirección e a axuda do actor Pepablo Patinho, da compañía Ghazafelhos, e que máis tarde representarán nesta máxica Noite no Castro.

 

Xa para o domingo, cómpre destacar a recreación de teatro na campa, organizado, ao igual que as da Noite no Castro, polo Grupo de Teatro Comunitario de Sedes. A representación levarase a cabo cara ás 13 horas e, co motivo do vinte aniversario da festa, a peza elixida será “Agripa”, unha das máis representativas do Oenach. O texto foi escrito por Juan Padín e narra o levantamento do pobo celta contra o xeneral Agripa cando este se dispón a cobrar os tributos nun Oenach en terras ártabras. O teatro na campa irá precedido do concerto infantil de Tanxarina “Trogloditas”, que volverán actuar ás 17 horas e ás 18.15 horas cun espectáculo de humor baseado na recreación dun teatro na prehistoria e, máis concretamente, nunha cova.

 

A xornada do domingo rematará co concerto clausura de Mayalde, un conxunto de música tradicional salmantina dedicado ao rescate e divulgación dos ritmos musicais transmitidos de xeración en xeración a través da comunicación oral.

 

Foi impulsado hai vinte anos como un proxecto de divulgación do patrimonio cultural galego a través dunha comunidade vecinal


Co ritual do acendido do lume dá comezo o Oenach, cheo de espectáculos musicais, obradoiros, teatro e gastronomía


A historia

 

Posto en marcha no ano 1988, Oenach Atlántico naceu como un proxecto de valoración e divulgación do patrimonio cultural do rural galego. Veciños da zona explican que “o Oenach xurdiu como un traballo de educación social sociocomunitaria baseado na transmisión de coñecemento. Debido á progresiva urbanización de Narón, deseñouse unha acción de recuperación do patrimonio nas parroquias rurais do concello. En Sedes hai un castro estratéxico para a comarca de Trasancos, Eiravedra, primeira aldea de Sedes e aínda sen escavar. 

 

 A iniciativa sempre estivo orientada a que a veciñanza volvese atopar un valor económico no rural e na idea de comunidade e de traballo en común. Máis tarde, chegou a reconstrución das pallozas, onde a día de hoxe se celebra o Oenach Atlántico. 

 

Este texto viu a luz no Caderno de Verán do número 303 do Sermos, publicado o pasado 5 de xullo.