VÍDEO NO INTERIOR

Trasladado a porto o 'narcosubmarino' da ría de Arousa, que deixou unha mancha de gasoil no mar

O vehículo foi trasladado ao porto de Vilagarcía na mañá desta cuarta feira. (Foto: Manuel Cores)
A nave permanecerá depositada nunha nave no peirao do Ramal a disposición do persoal investigador.

Unha mancha de gasoil foi detectada nas últimas horas fronte ao litoral de Vilagarcía de Arousa, na contorna da praia de Compostela, malia que non chegou a tocar terra, segundo veñen de informar desde o propio Concello. A mancha localizouse a última hora desta terza feira, xusto o día en que o 'narcosubmarino' afundido na ría —e achado a principios de semana baleiro de carga— foi reflotado e remolcado até a Illa de Arousa, polo que os técnicos vinculan directamente a presenza do combustíbel no mar co semisomerxíbel e afirman que "moi probabelmente" sexa a orixe.

Xa desde a pasada noite, e seguindo as indicacións de Gardacostas e Capitanía Marítima, os servizos municipais de emerxencias estiveron actuando na zona, utilizando material absorvente, e lograron limpar a maior parte do gasoil.

Desde o Concello sinalaron que, ao non tocar terra, impediuse o contacto do carburante cos bancos marisqueiros, polo que "non hai afectación" e só quedaría no mar algunha irisación que, co sol e a calor, tenderá a evaporarse.

Traslado da embarcación

Precisamente esta mesma mañá o 'narcosubmarino' foi trasladado ao porto de Vilagarcía, onde permanecerá depositado nunha nave no peirao do Ramal a disposición do persoal investigador e do xulgado de instrución 2 desta localidade, encargado de coordinar as actuacións. A nave saíu a media mañá nun camión de transporte especial desde as instalacións dun estaleiro privado da Illa de Arousa, onde fora levada á primeira hora da tarde da terza feira, após ser reflotada e remolcada.

Como se puido confirmar após ser izado e depositado na dársena, trátase dun semisomerxíbel de fibra de vidro, duns 20 metros de eslora e de fabricación caseira, moi similar ao achado a finais de novembro de 2019 na ría de Aldán —aínda que nese caso levaba dentro tres toneladas de cocaína, nun caso que derivou en sete detencións, entre elas a dos tres tripulantes da nave—.

Fontes da investigación sinalaron que o atopado en Arousa, en cuxo costado pode lerse El Poseidón, está compartimentado no seu interior. Así, a parte de proa ten un espazo para dar estabilidade á nave, na parte central acomodaríase a droga —estímase a capacidade nunhas cinco toneladas—, e a parte de popa, onde está o motor, está illada con chumbo para evitar ser detectado mediante dispositivos infravermellos pola calor da maquinaria.

Após ser reflotado, os efectivos policiais puideron comprobar que non levaba carga nin tripulación a bordo. No decurso da investigación determinarase se, como apuntaron fontes de Vixilancia Aduaneira, a nave ten relación cunha descarga de droga na que tamén estarían implicadas as lanchas varadas hai unhas semanas nas costas de Ribeira.