Chega a terra, sen droga dentro, o narcosubmarino 'Poseidón'

O narcosubmarino 'Poseidón' na Illa de Arousa (Foto: ustavo de la Paz / Europa Press),
O vehículo, de fabricación caseira en fibra de vidro, chegou pola tarde ao porto de Xufre, na Illa, e foi izado nun varadoiro privado.

O 'Poseidón', o narcosubmarino localizado na mañá desta segunda feira a unha milla de Vilaxoán, na ría de Arousa, xa foi reflotado e trasladado a terra no municipio da Illa de Arousa.

O vehículo, de fabricación caseira en fibra de vidro, chegou pola tarde ao porto de Xufre, na Illa, e foi izado nun varadoiro privado, onde os axentes se dispoñen a inspeccionalo ao detalle, unha vez que xa se confirmou que non ten droga no seu interior.

No operativo participan efectivos de Garda Civil, Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira, baixo a mirada do delegado do Goberno, José Miñóns, que se desprazou até a zona. Miñones xa adiantou, en declaracións aos medios, que o vehículo está baleiro.

A embarcación

A subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba, sinalara nas últimas horas que a nave tería entre 15 e 16 metros de eslora. Porén, tanto a propia Larriba como Miñóns, aseguran que a nave ten unhas dimensións "superiores" ás que inicialmente se calcularon.

O escenario máis previsíbel que se contempla nestes momentos é que se descargasen os estupefacientes antes de provocar o afundimento da nave, de aí que estea baleiro, segundo informou o Diario de Pontevedra.