As nais primeirizas de máis idade en Europa son as galegas

Unha muller embarazada. (Foto: Nós Diario)
As galegas dan a luz a primeira crianza con 34,5 anos; tres anos por riba da media europea.

A idade media das mulleres no momento do primeiro parto en toda a Unión Europea é de 31,5 anos,  segundo os datos que vén de publicar o Anuario 2022 de Euostat, a oficina de estatística da UE. 

Eses 31,5 anos son unha idade media que supera a Galiza, o territorio da UE onde as mulleres dan a luz a primeira crianza coa idade máis alta: 34,5 anos, tres anos por riba da media da Unión Europea. No outro extremo figura a rexión de Severozapaden, no noroeste de Bulgaria, onde as mulleres que dan a luz por vez primeira son as máis novas, cunha media de 27,2 anos.

O alargamento durante estas décadas da idade do primeiro parto ten as súas consecuencias, como apuntan xinecólogos e matronas. Un dato é que por volta de 26% dos partos na Galiza —un de cada catro—son por cesárea, moi por riba da "porcentaxe ideal" que sinala a Organización Mundial da Saúde (OMS) e que debe situarse entre 10% e 15%.

As mudanzas sociais e económicas ao longo destas décadas, a incorporación da muller ao mundo laboral ou a ruptura co rol imposto ás mulleres da maternidade como a súa fundación na vida son algunhas das causas, non as únicas, que están detrás do atraso da idade das nais primeirizas. Mais, por que a Galiza está a cabeza da UE nas mulleres con máis anos á hora de parir por primeira vez? 

A profesora da USC María Cadaval ten sinalado que “demografía e economía están ligadas estreitamente. As perspectivas sobre crecemento económico e as rendas salariais afectan ás taxas de natalidade", tamén á idade das nais primeirizas.