Nais e pais de Vigo reclaman máis recursos para o ensino

Acto de Foanpas no Verbum-A casa das palabras, en Vigo. (Foto: Nós Diario)
A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de alumnos de Vigo (Foanpas fai balance da súa andaina no seu 30 aniversario.

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de alumnos de Vigo (Foanpas) celebrou esta sexta feira o seu 30 aniversario cun acto nas instalacións do museo Verbum-A casa das palabras.

Nel lembráronse as persoas que participaron nesta entidade ao longo da súa historia e fíxose un balance da súa actividade neste período, “sempre na liña de reivindicación da defensa do ensino público e da nosa lingua”, segundo explicou a súa presidenta, Iria Salvande, a Nós Diario

“Nestes 30 anos conseguimos mellorar moito o ensino público en Vigo e puxemos en evidencia moitas eivas que tiña. A historia de Foanpas é a da reivindicación”, asegura a súa presidenta que lembra a loita para “contar con profesorado a domicilio cando temos crianzas enfermas ou para conseguir apoios para alumnado con necesidades especiais”.

En todos estes anos, desde Foanpas recoñecen que “as Administracións non acompañaron o noso proceso reivindicativo e todo o que conseguimos foi a través de mobilizacións e de conflitos”, polo que se consideran “unha ferramenta de denuncia e de defensa”.

Falta de recursos

A principal reivindicación que leva adiante agora Foanpas, asegura a súa responsábel, é “insistir en que a Administración galega poña os recursos necesarios para que se faga un novo mapa de zonificación”, ademais de “rematar cos recortes en temas como o profesorado de apoio”.

Neste sentido, Salvande adianta que para o curso vindeiro defenderán que “se hai falta de natalidade deberíanse dedicar os concertos coa privada para investir na pública”.

En relación ao conflito polas bolsas comedor, un problema que cualifican de “histórico” co Concello, pedirán que para setembro “cheguen desde o primeiro día, non consentiremos ter nin un día de atraso como pasou este ano”.